HomeA CoruñaA Xunta impulsa con case 118.000 euros a mellora da eficiencia enerxética...

A Xunta impulsa con case 118.000 euros a mellora da eficiencia enerxética no edificio multiúsos de Frades

- Anuncio -spot_img

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o alcalde de Frades visitaron a instalación para coñecer as actuacións executadas

Prieto tamén comprobou o vehículo adquirido polos Concellos de Frades e Ordes para o servizo de protección do ambiente cunha achega de 36.450€ da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o edificio multiúsos de Frades para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e os concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro, e Cultura, Juan Carlos Portos.

As obras contaron cunha achega autonómica de case 118.000 euros ao abeiro da orde plurianual para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais, dotada con 5 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder. Os traballos centráronse na impermeabilización e no illamento da cuberta, na renovación das luminarias e equipos de iluminación interior, e na rehabilitación enerxética das instalacións térmicas, incluído o sistema de ventilación.

Así, procedeuse a rehabilitar a parte exterior da cuberta mediante unha solución lixeira de illamento térmico e impermeabilización e tella cerámica curva, creando unha cuberta unha cuberta totalmente impermeabilizada e ventilada. Ademais, aproveitouse para substituír canalóns e baixantes de augas pluviais. No interior, substituíronse os elementos de alumeado por lámpadas LED e se instalaron reguladores de luz, que permiten optimizar os consumos de enerxía. Finalmente, desmontouse o antigo equipo de calefacción e instalouse outro de bomba de calor. Así mesmo, instalouse un sistema de ventilación en ambas plantas, xa que o edificio carecía de el.

O alcalde de Frades puxo en valor estes traballos “xa que este edificio multiúsos é un lugar moi utilizado para a veciñanza, xa que aquí teñen lugar tanto os cursos de formación como actividades moi demandadas como pilates, ademais de acoller servizos como a biblioteca municipal, a aula de informática ou o Museo de Frades. Con estas actuacións melloramos sensiblemente as condicións de confort da veciñanza que utiliza estas instalacións tanto agora no inverno como durante o verán”.

Segundo explicou Natalia Prieto, a través desta convocatoria búscase facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A directora xeral lembrou tamén que a Orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.

Novas actuacións

A maiores, o Concello de Frades asinou un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural por un importe de 48.398,86 euros para mellorar as instalacións do Centro de Cultura Tradicional “A herdanza do pasado”, emprazado no primeiro andar do edificio multiúsos. Unhas actuacións que deberán desenvolverse en dúas anualidades, 2025 e 2026, e nas que o Concello de Frades inviste 9.679 euros (20%).

A achega de 2025 xa foi executada nestes días coa elaboración de dous murais artísticos da man do recoñecido muralista Yoseba Muruzábal, un na fachada do edificio multiúsos de Frades e outro na entrada ao Centro de Cultura Tradicional “A herdanza do pasado”. O mural da fachada recolle as figuras de dous veciños da aldea da Pedreira (Moar), Dosinda e Avelino, dos que se di que foron os derradeiros en facer cantar o carro por Frades. O mural interior está dedicado a Ricardo Lagares (1928-2001), cantareiro, contacontos de Frades, e está baseado nunha fotografía tirada pola etnomusicóloga Dorothé Schubarth.

Vehículo Frades-Ordes

Por outra banda, Natalia Prieto comprobou o equipamento adquirido de maneira conxunta polos concellos de Frades e Ordes para o Servizo de protección do ambiente e do espazo natural, compartido por ambos os concellos e que contou cunha achega da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental de 36.450 euros. A dotación adquirida foi un vehículo todoterreo eléctrico, con distintivo ambiental cero emisións e equipado cun gancho de remolque.

Unha entrega realizada na praza do Concello de Frades e á que asistiron os alcaldes de Frades, Roberto Rey Martínez, e de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, que estiveron acompañados dos concelleiros de Medio Rural e de Cultura de Frades, Manuel Ferreiro e Juan Carlos Portos, e pola concelleira de Traballo de Ordes, Susana García.

Segundo indicou Natalia Prieto, os obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 11,2 millóns de euros, son o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.

A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta nestas actuacións no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso municipal, o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e a iniciativa para proxectos municipais de carácter estratéxico. A través do conxunto delas, o concello de Frades recibiu nos últimos anos preto de tres millóns de euros.

Ademais, Natalia Prieto salientou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais, xa que o apoio do Goberno galego permitiu no que vai de ano impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos.

Publicacións Relacionadas