― Actuarase nas estradas -101, AC-546, AC-566 e AC-861, ao seu paso polos concellos de Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes
― Os traballos incluirán a limpeza de cunetas, o acondicionamento dalgunhas interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización
― Trenor destaca que esta actuación se inclúe nos traballos de conservación e mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá o inicio das obras de reforzo de firme en catro estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros. As actuacións teñen un prazo de execución de 6 meses.
Os traballos consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas AC-101, AC-546, AC-566 e AC-861, ao seu paso polos concellos de Cedeira, Ortigueira, Cabanas, A Capela e As Pontes.
De modo máis concreto, na estrada AC-101, actuarase entre os puntos quilométricos 1+300 e 29+607; na AC-546, entre o 0+060 e o 26+030; na AC-566, entre o 30+500 e o 41+560; e na AC-861, entre o 20+920 e o 24+860.
Os traballos inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento dalgunhas interseccións, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización.
Segundo o treito, levaranse a cabo traballos de fresado de 6 cm e a posterior reposición co mesmo espesor con aglomerado. Ademais, estenderase microaglomerado en frío para a mellora na adherencia nas curvas.
Trenor destacou que esta actuación se inclúe nos traballos de conservación e de mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.