A conselleira e o rexedor tamén analizaron outras cuestións de interese para o municipio, como a mellora do servizo de saneamento
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, avaliaron nunha reunión que mantiveron recentemente a inclusión da senda de Xermaña a Caión no Camiño do litoral.
Segundo lle dixo a conselleira ao rexedor, ese itinerario está incluído na proposta de trazado do Camiño do litoral, que está a deseñar a Xunta para poñer en valor a riqueza ambiental, paisaxística, cultural e etnográfica do patrimonio costeiro galego.
Nesa liña, fíxose un exhaustivo traballo de campo ao longo de todo o percorrido para coñecer a situación, identificar necesidades e posibles melloras, así como optimizar as accións a acometer aproveitando o xa existente. De feito, no tramo entre Caión e Xermaña sería necesario levar a cabo algunhas actuacións de limpeza e adecuación.
A maiores, durante o encontro, a conselleira e o rexedor tamén analizaron outras cuestións de interese para o municipio, como a mellora do servizo de saneamento. En concreto, estudaron a posible construción dunha nova estación depuradora de augas residuais en Caión. Neste senso, a conselleira animou o alcalde a presentar o correspondente proxecto para a súa avaliación por parte de Augas de Galicia, determinar a súa viabilidade e, de ser o caso, establecer vías de colaboración para acometelos.
Cómpre lembrar que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 subiu un 5,5%, ata os 151,7 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos, co fin de que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.



