• O Concello varía postos incorporando un novo técnico xurídico sen aumentar a masa salarial
O Concello de Abegondo celebrou hoxe o pleno ordinario da corporación coa modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) como asunto principal. O goberno local impulsou o cambio para actualizar varios postos e reorganizar a área administrativa.
En concreto, o Concello crea unha nova área de Administración Xeral. As súas atribucións enfocaranse a procedementos de contratación, ordenación de recursos humanos, urbanismo, padrón, inventario ou patrimonio municipal.
Coa modificación, o Concello actualiza as condicións salariais dos postos con remuneración máis baixa, de acordo ao incremento do salario mínimo. Trátase dos conserxes de colexio, polideportivo e Concello e da auxiliar de biblioteca.
A masa salarial non se incrementa no seu conxunto dado que se amortiza o posto de educadora familiar, cuxas funcións foron xa asumidas pola psicopedagoga.
Ademais, créase o posto de técnico xurídico de apoio.
O alcalde, José Antonio Santiso, avanzou que o próximo ano prevese a extinción de dúas dos conserxes e a auxiliar de biblioteca por xubilación. As funcións serán asumidas polas empresas contratadas polo Concello, “o que nos permitirá nese momento dispoñer de recursos para seguir optimizando a organización municipal”.
A modificación da RPT foi aprobada polos votos favorables do grupo de goberno e os votos en contra do grupo socialista. O edil nacionalista non acudiu á sesión.
Liquidación con superávit
O alcalde deu conta ao pleno da liquidación do exercicio económico correspondente ao 2024. O balance resulta unha vez máis positivo, cun superávit de 835.461,61 euros. Obtense por unhas obrigacións recoñecidas de 7.523.140,54 euros e uns dereitos recoñecidos de 8.447.223,68 euros, tras efectuar os pertinentes axustes.
O remanente de tesourería constitúe a variable que determina o estado real das contas municipais. Tras o peche de 2024, o remanente de tesourería do Concello de Abegondo sitúase en 2.150.468,58 euros.
Isto permitirá ao goberno local dedicar fondos do remanente a novos investimentos de interese veciñal. O Concello estima que poderá empregar uns 800.000 euros do remanente cumprindo a regra de gasto que determina o Estado ás administracións públicas.
“Cremos xusto poder dedicar fondos municipais do remanente a actuacións de interese para Abegondo”, sinala Santiso.