• O alcalde, José Antonio Santiso, acompañou en todo momento á figura brasileira, mito do deportivismo
• O ariete asinou no libro de honra do Concello e agradeceu o agarimo da Corporación municipal e dos asistentes ao encontro oficial
Abegondo viviu hoxe unha xornada moi especial coa visita institucional de Bebeto. A lenda deportivista foi recibida polo alcalde, José Antonio Santiso, no salón de plenos da Casa do Concello, onde selou a súa firma no Libro de Ouro municipal.
José Antonio Santiso encomiou a figura e a traxectoria do ariete brasileiro, un ídolo deportivismo, ao que agradeceu a súa visita antes de instarlle a asinar no Libro de Ouro. “Querido bebetiño ti es un mito do noso amado Deportivo, pero o máis importante é a pegada emocional que aínda segues deixando en todos nós. Como podes ver os abegondeses quérenche de forma especial e agradécenche que viñeses a coñecer a nosa casa, o noso Concello”, apuntou o alcalde.
O salón de plenos desprendía un eterno agarimo a un das grandes iconas da historia recente do club.
Pola súa banda, Bebeto agradeceu o enorme agarimo que lle trasladou o alcalde e os asistentes ao acto oficial e destacou a gran idea de situar en Abegondo a cidade deportiva do Deportivo e o novo proxecto Dépor Training Center, sede da canteira e base do futuro para os proxectos deportivos do equipo herculino.
Ademais, o alcalde destacou o valor simbólico desta visita para un municipio estreitamente ligado ao club, xa que nas súas instalacións adestran os primeiros equipos e a canteira branquiazul.
A visita de Bebeto a Abegondo enmárcase na súa estancia estes días na Coruña, onde presentou a súa biografía autorizada ‘Bebeto, o home que arrolou o gol’ no estadio de Riazor.



