HomeA CoruñaA CoruñaAbegondo retira os históricos barracóns do CEIP San Marcos para xerar zona...

Abegondo retira os históricos barracóns do CEIP San Marcos para xerar zona verde no patio

- Anuncio -spot_img

• O Concello iniciou os traballos, que incluirán a plantación de árbores ou a creación de hortos escolares

O Concello de Abegondo iniciou o proxecto de naturalización do patio exterior do CEIP San Marcos. A actuación supón a retirada dos módulos auxiliares, comunmente chamados barracóns, que foran instalados nos anos 80 pola Consellería de Educación ante a necesidade de incrementar o espazo das aulas.
Posteriormente, as estruturas seguiron albergando multitude de actividades extraescolares. Agora padeceron de deterioración co paso dos anos polo que o Concello, de acordo coa petición do ANPA e da dirección do centro, optou pola súa supresión para humanizar o patio.
Os operarios xa comezaron co desmonte das estruturas e xa se empeza a albiscar o seu esqueleto. No seu lugar, o goberno municipal creará un patio “máis verde e con maior confort para ou alumnado do colexio”, sinala o alcalde, José Antonio Santiso.
O obxectivo desta actuación será reducir o efecto illa de calor e mellorar o confort do alumnado durante o período lectivo. A actuación contempla a retirada do pavimento asfáltico actual, a creación dunha pradería permeable con céspede resistente, a plantación de seis carballos para xerar áreas de sombra natural, a habilitación de dous hortos escolares e a instalación dunha fonte como punto de auga no recinto.
O rexedor avanza que xa se contempla unha posterior segunda fase do proxecto para seguir renovando o exterior do CEIP.

Publicacións Relacionadas