A proba celebrarase o domingo 23 de novembro e recuperará o percorrido do 2023
Este venres abríronse as inscricións para a XIII Carreira Popular de Novo Mesoiro, que pecha a decimo segunda edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Celebrarase o domingo 23 de novembro desde as 10.00 horas. “Desde o Goberno de Inés Rey animamos á cidadanía a participar nesta derradeira proba, despois dun ano cheo de grandes momentos nos nosos barrios, cunha alta participación en todas as carreiras”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
A carreira absoluta será de 5.535 metros de distancia. O resto de categorías, un total de seis máis, contarán con percorridos reducidos adaptados para todas as idades. A carreira percorrerá a maior parte do barrio, partindo do pavillón municipal de Novo Mesoiro, na rúa dos Ancares, e coa meirande parte do trazado por asfalto.
O circuíto Coruña Corre chega ao seu fin como un referente a nivel galego das carreiras populares e unha aposta decidida do Goberno de Inés Rey polo fomento de hábitos de vida saudables. Un dos obxectivos destas probas é involucrar aos diversos barrios da cidade nas actividades deportivas promovidas polo Concello.
As persoas interesadas poderán inscribirse nesta proba ata o domingo 16 de novembro ás 23.59 horas. As persoas que participen no circuíto completo tamén deberán confirmar a súa participación nesta carreira. Toda a información, en www.corunacorre.com.



