HomeA CoruñaAbertas as inscricións para a X Carreira popular Concello de San Sadurniño

Abertas as inscricións para a X Carreira popular Concello de San Sadurniño

- Anuncio -spot_img

O consistorio tamén iniciará a semana que vén o calendario de Andainas parroquiais e promoverá varias citas máis até o mes de setembro, a maioría delas relacionadas co mundo da bicicleta

San Sadurniño acollerá o domingo 1 de xuño a décima edición da carreira popular ”, unha cita xa clásica no calendario deportivo da comarca que cada ano reúne a centos de persoas amantes do atletismo e da natureza. A inscrición xa pode facerse desde hai varios días en emesports.es, onde figura o regulamento coas distintas categorías e percorridos: os máis pequenos e pequenas poderán participar de forma gratuíta en trazados que van dos 60 aos 900 metros, mentres que a carreira absoluta, de 4,9 quilómetros e cun prezo de 5€, repite o espectacular circuíto que bordeará a estrada de Ortigueira nun dos seus tramos. Por motivos organizativos, establécese de novo un tope máximo de 500 participantes. O último día para apuntarse é o 27 de maio. Por outra banda, quen queira dar un paseo polo municipio tamén pode participar nas Andainas parroquiais que comezan o venres que vén.

As categorías escolares  —tanto masculina como feminina— competirán de balde (deberán inscribirse igualmente) compartindo un mesmo circuíto no centro do arboreto que  unicamente variará o número de voltas: tres, con 900 metros en total, no caso de deportistas que nacesen entre 2009 e 2012 (categorías Sub 16 e Sub 14); dúas voltas -600 m- no caso de corredores e corredoras Sub 12 dos anos 2013 e 2014; e unha volta de 300 metros para as cativas e cativos Sub 10, dos anos 2015-2016.

Para a rapazada de Peques, nacida en 2017 e anos posteriores, organizarase unha proba adaptada cun tramo recto de 60 metros sobre o sendeiro principal, realizándose saídas en pequenos grupos segundo idades para garantir a seguridade.

En canto á carreira absoluta, o trazado levará ás persoas participantes polo paseo fluvial, a Bidueda -a recta de Metalfra-, cruzará de sur a norte Cornide e avanzará logo pola estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello. Alí comezará o tramo final, baixando polos xardíns municipais e pasando por diante do Mesón A Granxa antes de coller de novo o paseo fluvial con destino á meta.

Desde este ano, ao encadrarse a categoría Sub 16 na carreira escolar, a proba principal quedará para as e os atletas Sénior (nacemento de 1991 a 2009), Máster 1 (anos 1985 a 1990), Máster 2 (nacemento entre o 1975 e o 1984) e Máster 3 (persoas nacidas antes de 1965). A saída conxunta daráselles ás 11:30h e haberá un tempo máximo de 50 minutos para completar o percorrido. Ás 11:00h dará comezo a carreira para Sub 14 e Sub 16,  e tras aproba absoluta, desde as 12:20h iranse desenvolvendo as probas restantes —Sub 12, Sub 10 e Peques— cun intervalo de 15 minutos entre elas. A entrega de premios está prevista para arredor das 13:30h.

Toda a información relativa ao evento está dispoñible na páxina emesports.es, onde tamén deberán facerse as inscricións. A data límite para anotarse é o luns 27 de maio ás 23:30h, e non se admitirán rexistros o propio día da carreira.

O Concello de San Sadurniño conta coa colaboración técnica da Federación Galega de Atletismo, ademais da axuda do club BTT Biela e Chaveta, que irá abrindo e pechando a práctica totalidade das carreiras. Ademais tamén bota unha man a clínica de fisioterapia Fisio che ben, de Bardaos, que instalará un punto para recuperar o tono muscular tralo intenso exercicio.

Tamén volven as Andainas polas parroquias
A Concellaría de Deportes ten moitas máis propostas para as próximas semanas, como é a Ruta ciclista en familia do 25 de maio ou a IV BTT Concello de San Sadurniño do 29 de xuño, á que se lle arrimarán o mesmo día o II Trail de Montaña e o I Cross Concello de San Sadurniño.  O departamento tamén organizará o 8 de agosto a III Cronoescalada Sanrockeira e, como remate da temporada estival, a Ruta nocturna BTT prevista para o 19 de setembro.

Porén, antes de todo o anterior -do que iremos informando aos poucos- o Concello organiza outra cita clásica: as Andainas parroquiais, que consisten en dar unha volta por distintos puntos do territorio para descubrir a súa paisaxe e facer algo de exercicio.

As Andainas son itinerarios de baixa intensidade que se completan sen moito apuro en arredor dunha hora ou hora e cuarto, ao paso que marcan os grupos de ximnasia de mantemento de cada parroquia. Este ano hai programados tres paseos, todos eles con saída dos locais sociais ás 16:00h: o venres 16 de maio por Santa Mariña do Monte, o mércores 28 de maio por Naraío e o venres 20 de xuño por Lamas.

Para anotarse hai que contactar co técnico municipal de Deportes no 672 942 426.

Publicacións Relacionadas