O Concello de Narón, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista Narón, vén de abrir o prazo de inscricións para a V Resistencia BTT Cidade de Narón, que se celebra o próximo 1 de febreiro na parroquia de Pedroso.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club Ciclista Narón, Samuel Bustabad, presentaron esta mañá a nova edición da proba, puntuable para a Copa Galicia de Resistencia BTT 3 horas. Santalla avanzou que o evento contará cun máximo de 300 participantes, que competirán nun percorrido deseñado integramente por Pedroso.
As inscricións xa están abertas e poderán formalizarse ata o 28 de xaneiro ás 23:59 horas a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo (www.fgalegaciclismo.es), entidade que colabora un ano máis nesta convocatoria.
Desde a organización destacan que a proba de Narón será a penúltima cita da Copa Galicia 3 horas BTT de resistencia, polo que pode resultar determinante de cara á configuración das clasificacións finais da competición.
A saída terá lugar ás 10:00 horas desde as inmediacións do local social da Pombiña, desde onde os participantes deberán completar un circuíto circular de aproximadamente seis quilómetros, durante un tempo máximo de tres horas, resultando gañador quen consiga completar un maior número de voltas.
A competición disputarase en diferentes categorías masculinas e femininas, tanto individuais como por parellas, co obxectivo de fomentar a participación e o deporte base nun entorno natural privilexiado do municipio naronés.
Desde o Concello animan as persoas afeccionadas ao ciclismo de montaña a participar nesta proba xa consolidada como unha das citas destacadas do calendario autonómico desta modalidade.



