A actividade encádrase no ciclo Máis movemento, máis vida!
Tralo éxito da sesión celebrada o pasado mes de marzo, a Concellería de Deportes de Fene e Aspaneps organizan unha nova xornada informativa, no marco do programa artellado ao redor do Día Mundial da Actividade Física. A cita será o xoves 23 de abril, de 16.30 a 20.00, na Casa da Cultura. Nesta ocasión abordarase o tema da “Mobilización e coidados das persoas dependentes”, centrándose o encontro en: dotar de habilidades aos coidadores de persoas maiores en mobilización, cambios posturais, hixiene postural, técnicas de mobilización, prevención de caídas e habelencias e coñecementos necesarios para coidar aos dependentes. O número de prazas é limitado (25) e para asistir cómpre anotarse previamente a través da páxina web municipal www.fene.gal, Concellería de Deportes de Fene (Tfno. 981 340 366) ou da sección de formación do Sergas (https://goo.su/nzL1h)
Sensibilizar á poboación sobre a importancia de practicar actividade física de xeito regular para mellorar a saúde e adquirir bos hábitos de vida, é o principal obxectivo do Día Mundial da Actividade Física que se conmemora cada 6 de abril por iniciativa da Organización Mundial da Saúde. O Concello de Fene xunto coa asociación Aspaneps vén de sumarse este ano á conmemoración con distintas actividades gratuítas entre as que salientan unha andaina inclusiva o día 12 de abril, reparto de trípticos informativos, unha exposición que rotará polas asociacións do concello e instalacións municipais e xornadas informativas impartidas polo Servizo Galego de Saúde.



