As novas rutas deste outono percorrerá tres barrios da cidade coas letras como protagonistas
Este luns 6 de outubro abriu o prazo de inscrición para unha nova edición de A Coruña das Letras, unha actividade organizada polo Concello da Coruña dentro do programa de fomento da lingua galega entre a cidadanía. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos facer actividades didácticas e divulgativas que permitan aos coruñeses e coruñesas coñecer máis sobre a nosa cidade e os seus barrios”, indicou Gonzalez Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Co fin de afondar na lingua, na cultura e na literatura galegas na cidade, realizaranse unhas andainas guiadas pola Coruña máis invisible da man do coñecido músico e escritor Xurxo Souto. As persoas participantes aprenderán máis da toponimia tradicional da cidade, da literatura que habitou nos diferentes barrios que se visitarán e tamén da importancia da lingua nos seus diferentes contextos.
As tres actividades desenvolveranse os sábados 11 e 25 de outubro e o 8 de novembro, ás 11.30 horas. As inscricións para cada sesión abriranse o luns previo a través de inscricionslingua@coruna.gal, facilitando o nome completo e un teléfono de contacto
Haberá un total de 55 prazas por actividade, que están dirixidas a maiores de 16 anos.
A primeira das andainas levará por título ‘Visma, o outro mar da Coruña’. A segunda titúlase ‘Polo Campo do Carballo e o Camiño Novo’. A última sesión titularase ‘AS mulleres do muro (peixeiras, redeiras e mariscadoras)’. O punto de encontro de cada actividade facilitarase no correo electrónico de confirmación da inscrición.