A partir de mañá poderán solicitarse as bolsas para sufragar gastos relacionados con medidas terapéuticas que apoien o desenvolvemento e o benestar persoal dos e das menores compostelás, unha vez publicada hoxe a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O prazo para realizar o trámite finalizará o 21 de xullo. O Concello de Santiago destina a estas axudas un orzamento de 100.000 euros.
A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, que dirixe María Rozas, pón en marcha a convocatoria por segundo ano consecutivo, para financiar os gastos de tratamentos de logopedia, atención psicolóxica, terapia ocupacional ou atención temperá para abordar trastornos da aprendizaxe, a conduta ou a linguaxe; pero tamén o sobrecusto que supón para as persoas celíacas o mantemento dunha dieta sen glute. O obxectivo é facilitar que os e as menores reciban a atención profesional específica que precisan, de maneira temperá e coa frecuencia necesaria, garantindo así a igualdade de oportunidades.
Convocatoria con novidades
Este é o segundo ano no que a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais impulsa esta convocatoria, na que se introduciron diferentes melloras para facilitar o acceso das familias ás bolsas. Xunto co incremento do orzamento desde os 70.000 euros do ano pasado aos 100.000 euros desta convocatoria, a principal novidade ten que ver coas axudas para os e as menores con enfermidade celíaca. Nesta modalidade establécese un importe fixo de 1.200 euros por menor beneficiario, e suprímese a necesidade de xustificar o gasto a través de tíckets da compra como acontecía na anterior convocatoria. Para acceder á subvención, será suficiente con acreditar a condición de persoa celíaca mediante un informe profesional, axilizando así a resolución e tamén o pago das axudas.
No caso das bolsas para financiar os gastos derivados do tratamento de trastornos da aprendizaxe, da linguaxe ou da conduta; de programas de estimulación temperá ou terapia ocupacional ou da atención ás altas capacidades intelectuais; as axudas serán do 90% do gasto total realizado ata un máximo de 1.200 euros anuais. Nesta modalidade, será preciso achegar as facturas dos servizos terapéuticos para xustificar a axuda, así como o informe profesional que acredite a necesidade do tratamento.
En ambas modalidades de axudas, poderán ser beneficiarias as persoas menores de idade que estean empadroadas en Santiago, e que non superen unha renda familiar anual de 5 veces o IPREM en 12 pagas (36.000 euros anuais).

