Na Xunta de Goberno Local tamén foi adxudicado o novo contrato de asesoría xurídica do CIM e acordouse concorrer a tres convocatorias de subvencións para actividades culturais e xuvenís.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar o contrato de execución do proxecto de remusealización do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado na reitoral de Golmar, á empresa coruñesa Puertas Afuera Comunicación Medioambiental y Cultura, S.L.
O Museo dos Muíños de Golmar vai ser modernizalo cun proxecto que prevé renovar a mostra expositiva desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes, que tamén significará poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.
O proxecto está valorado en 48.279 euros que será cofinanciado pola Deputación da Coruña.
Tamén foi adxudicado hoxe o novo contrato do servizo de asesoría xurídica do Centro de Información ás Mulleres (CIM). Abrangue a atención directa ás persoas que sexan derivadas desde a dirección do propio CIM no mesmo horario que na actualidade (luns pola mañá e xoves pola tarde), así como a colaboración directa en calquera función que se encomende dentro do seu ámbito de actuación. Neste caso o orzamento ascende a un total de 38.693,76 euros polos catro anos de duración do contrato.
A Xunta de Goberno Local tamén autorizou que o Concello concorra a programas de subvencións para o desenvolvemento de iniciativas de carácter cultural e xuvenil.
Dúas delas son convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e van dirixidas, por unha parte, á organización de actividades de dinamización da lectura e, por outra banda, a mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión dotándoas con novidades editoriais en galego.
A outra convocatoria de axudas é promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias para a realización de programas en materia de xuventude. A pretensión do Concello é cofinanciar con esta achega a segunda edición do programa municipal A Laracha Creativa.