O espectáculo presentarase en primicia na vila o 20 de marzo, ás 20:30 h
A artista e creadora escénica Ailén Kendelman estrea a vindeira semana en Neda “Unha señora orquestra”, un singular espectáculo no que unha única intérprete acciona varios instrumentos á vez mediante un curioso sistema de mecanismos, cordas e roldanas. A proposta mestura ritmos galegos, músicas do leste e folclore latinoamericano nun espectáculo musical cheo de humor, participación e espírito festivo.
Antes da súa presentación oficial, o proxecto poderá verse en formato de ensaio aberto en dúas sesións nas que o público terá a oportunidade de achegarse ao proceso creativo da artista. Serán o 12 de marzo en A Morada (Vigo) e o 18 de marzo na Libraría Ula (Outes).
Pola súa banda, a estra oficial terá lugar o 20 de marzo na Casa da Cultura de Neda, ás 20:30 h. As entradas para a cita na vila poderanse mercar, de forma anticipada, dende o luns 16 de marzo na biblioteca municipal (2 euros).
En escena, Kendelman acciona simultaneamente acordeón, bombo, caixa, pratos e diferentes aerófonos, construíndo un espectáculo musical e teatral no que o público se converte tamén en parte activa. A proposta combina estilos tan diversos como a muiñeira, a milonga, a polca, o tango ou a cumbia, configurando un repertorio festivo e irreverente que bebe das músicas populares e da tradición oral.
“Unha señora orquestra” nace da colaboración entre Ailén Kendelman e a dramaturga Areta Bolado, que asina tamén as letras do espectáculo. O proxecto conta ademais coa participación doutros creadores e artesáns como Xosé Tunhas, Elena Ferro, Xavi Lozano, Rosa Moledo, Nastasia Zürcher ou Greta Debelius.
Ailén Kendelman é actriz, música e creadora escénica. Ademais da súa traxectoria teatral en compañías como A Panadaría, participou en numerosos proxectos musicais e teatrais e recibiu diversos recoñecementos, entre eles o Premio Martín Códax de músicas de verbena (2017), o Premio FETEGA á mellor interpretación (2018) ou o Premio María Casares á mellor música orixinal (2022).
Nun tempo marcado pola multitarefa e a tecnoloxía, “Unha señora orquestra” reivindica o valor da artesanía escénica e da música feita co corpo, os instrumentos e a imaxinación.



