Últimas entradas á venda de cara ao espectáculo do polifacético artista catalán, recoñecido polo seu traballo musical e as súas colaboracións con Robe Iniesta, Fermín Muguruza e Kiko Veneno, entre outros
A programación de outono do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro chega esta fin de semana ao seu final de tempada. Será o sábado 28, cun referente das artes escénicas sobre as táboas, o catalán Albert Pla, que protagoniza o concerto especial ‘¿Os acordáis?’.
Aos seus 58 anos, o intérprete de Sabadell volve á Coruña cun espectáculo transgresor no que o público asistente poderá gozar con cancións que contan historias tráxicas e delirantes, cotidianas e sorprendentes, crudas e surrealistas, nas que o verdugo é tamén vítima, a calma transfórmase en tormenta, a comedia convive coa traxedia e a serenidade desemboca no desenfreo. Puro espírito Albert Pla.
O concerto, que comezará 20.30 horas do sábado e será dunha hora e media de duración, conta coa produción de Pedro Páramo, acompañado por David Ruano en imaxes e por Jordi Rins no deseño gráfico.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a non perder o peche do Ciclo Principal de Outono, “que unha vez máis amosou a riqueza da nosa programación escénica e artística, reforzando así a posición da Coruña como a cidade de referencia cultural a escala galega”.
Castro lembrou hoxe que as últimas entradas para asistir ao concerto de Albert Pla no Teatro Rosalía de Castro xa están á venda. Pódense adquirir a través da páxina web de Ataquilla, así como no despacho de billetes da praza de Ourense (aberto de luns a venres das 11.00 ás 15.00 e das 16.30 ás 19.30 horas) e no despacho de billetes do Teatro Rosalía de Castro (aberto os días de función das 16.00 ás 20.00 horas).