Os abonos e entradas para a próxima edición sairán á venda este xoves 18 ás 12.00 horas
O Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) dá a coñecer os primeiros nomes que formarán parte do cartel da súa sexta edición, que se celebrará na Coruña do 23 de abril ao 3 de maio. Álex Clavero, Bárbara Grandío, Carolina Iglesias, Daniele Finzi Pasca, David Cepo, Galder Varas, Eva Hache, Eva Soriano, JJ Vaquero, Luis Piedrahita, La Forte, Miguel Lago, Nanutria, Omayra Cazorla, Rober Bodegas, Roberto Vilar, Victoria Martín, Wilbur e Yunez Chaib, entre outras figuras, participarán no EMHU 2026. Os abonos e entradas para o evento sairán á venda este xoves, 18 de decembro, a partir das 12.00 horas na plataforma en liña Ataquilla.com e na web oficial www.emhu.es.
“A Coruña sempre destacou por iniciativas culturais de gran repercusión e desde o Goberno de Inés Rey levamos acompañando ao EMHU desde os seus inicios, promovendo o seu crecemento, que favorece a visibilidade da Coruña como potencia do noroeste”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A Coruña converterase na capital internacional da risa coa estrea absoluta de catro novas propostas, como son os novos shows de Bárbara Grandío (‘Contra todo pronóstico’), Rober Bodegas (‘CASO’) e do dúo Miguel Lago & Roberto Vilar (‘Pintando a mona xuntos’) ademais da nova gala ‘Chisteria Colectiva’, unha homenaxe á xoia da coroa do humor: o chiste. Nela participarán Arantxa Treus, David Amor, Jazmín Abuín, Jesús El Negro, Miguel Miguel ou Xosé A. Touriñán, ademais de figuras como Álex Clavero, JJ Vaquero ou o propio director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.
Ademais, a cidade acollerá a estrea en España da proposta máis recente de stand up do venezolano Nanutria; e a premiere en Galicia do novo espectáculo do tándem Carolina Iglesias-Victoria Martín ‘Estirando el chicle (El show de Mentira y Traición)’, de La Forte (‘Estoy como nunca’) e de Omayra Cazorla (‘Disparate’). Tamén será a estrea galega do monólogo ‘Ícaro’, do suízo Daniele Finzi Pasca (director e autor de ‘Corteo’, de Cirque du Soleil), peza que volve a España no marco da xira do 35º aniversario da súa estrea; e do último traballo que Yunez Chaib presentará En directo.
Tal e como é habitual, EMHU contará cos mellores espectáculos e acrobacias -físicas e humorísticas- do momento (como ‘Corta el Cable Rojo’ ou ‘Piensa en Wilbur’) e, por suposto, coas figuras imprescindibles da comedia estatal, que non faltarán á súa cita coas galas de produción propia. Así, este ano ‘Humoris Causa’ xuntará por primeira vez sobre un escenario a Álex Clavero, David Cepo, Galder Varas e Eva Soriano; mentres que o peche do evento chegará da man dun ‘Fantastic Colofon’ no que estarán Eva Hache, JJ Vaquero e Luis Piedrahita. Este avance de programación da sexta edición do EMHU completarase co anuncio de máis espectáculos, actividades paralelas e outras iniciativas que encherán de sorrisos os teatros e as rúas da Coruña, de forma ininterrompida, durante 11 días.
Abonos e entradas á venda o xoves 18 ás 12.00 horas
O Encontro Mundial de Humorismo, que nesta nova edición conta co apoio de Concello da Coruña, porá á venda os seus abonos (desde 53 euros) e entradas a partir das 12.00 horas deste xoves, 18 de decembro, tanto na plataforma de venda en liña ataquilla.com como na páxina web oficial www.emhu.es
● Abono bueno (53€ más gastos de xestión): Corta el cable rojo + Nanutria en A Coruña + Pintando a mona xuntos
● Abono bueno bueno (72€ más gastos de xestión): Disparate + Contra todo pronóstico + Estoy como nunca + Estirando el chicle: El show de Mentira y Traición
● Abono bueno, de lo bueno lo mejor (96€ más gastos de xestión): CASO + Humoris Causa + Chisteria Colectiva + Fantastic Colofon
● Abono bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor lo superior: (133€ más gastos): Corta el cable rojo + Pintando a mona xuntos + CASO + Chisteria Colectiva + Humoris Causa + Fantastic Colofon


