Alternativa presentou unha moción ao pleno sobre o afogo financeiro que sofre o Concello por asumir os custos dos Servizos derivados da Lei de Dependencia e os de Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que, a pesar de ser responsabilidade do goberno autonómico, non está a realizar a correspondente achega económica.
A proposta saíu adiante co voto favorable de PSOE e BNG e coa abstención do PP. O acordo contempla á Xunta o 100% do custo real do SAF, solicitar un novo modelo de atención ás persoas dependentes que parta do diálogo coas partes implicadas e trasladar estes acordos á FEGAMP.
A moción parte dunha realidade clara: a administración autonómica limítase a transferir unha contía por hora que non cobre, nin de lonxe, o custo real que os concello ten que pagar ás empresas prestadoras ou ao persoal propio. Neste aspecto tamén se fixo referencia ao irrisorio acordo entre a Xunta e a Fegamp, que “non fixo máis que oficializar unha inxustiza”. Ese convenio que establece para o 2028 unha achega da Xunta de Galicia de 18 euros/hora, non cubrirá o 100% do custo do SAF, que neste momento xa está en 24 euros/hora e que con toda seguridade se verá incrementado proximamente de forma considerable.
“Aceptar migallas mentres as arcas municipais se baleiran para exercer competencias autonómicas é un erro que non podemos permitirnos por máis tempo.” Sinalaron dende Alternativa, que defende que garantir unha atención digna ás persoas dependentes require un financiamento xusto .
Alternativa agradece o apoio recibido a súa proposta e confía en que este acordo sexa un paso decisivo para mellorar a calidade de atención á dependencia no municipio, abrindo un debate serio sobre o modelo de financiamento dos servizos sociais, xa que a mesma moción se está a presentar en diferentes municipios e tamén saíu adiante na Deputación de A Coruña.



