O salón de actos do CPI Antonio Orza Couto acolleu esta mañá unha acción formativa organizada polo Concello de Boqueixón dentro da súa campaña de compostaxe doméstica. Unha iniciativa que “ten como obxectivo reducir a pegada ecolóxica dos veciños e veciñas a través dunha aposta pola valorización dos residuos orgánicos que se xeran nos fogares”, como lles explicou o alcalde, Ovidio Rodeiro, aos 45 nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria que participaron na charla.
Na xornada, a rapazada aprendeu a manexar un composteiro e os importantes beneficios ambientais, sociais e económicos que supón o seu uso. Por unha banda, minóranse as emisión de CO2 á atmosfera, ao reducir a produción de lixo en orixe e o seu transporte. Isto tamén redunda economicamente no Concello, que entrega menos toneladas a Sogama e ve reducido o importe da factura. E, a nivel social, recupérase unha tradición do rural galego como é o de reutilizar a materia orgánica para alimento do gando e elaboración de compost.
Neste sentido, Ovidio Rodeiro puxo de manifesto que “os nenos e nenas son os mellores embaixadores en cuestións relacionadas co medio ambiente, pois non so son quen de respectar as 3R (Reciclar, Reutilizar e Reducir), senón que tamén saben concienciar ás persoas adultas na importancia de coidar o noso medio ambiente e loitar contra o cambio climático”.
O Concello de Boqueixón leva dende o ano 2013 impulsando esta campaña, promovendo a participación activa e responsable dos seus veciños e veciñas. Neste tempo ten repartido case un milleiro de composteiros domésticos para converter os restos de alimentos e vexetais nun abono natural e de calidade. Deste xeito, a veciñanza contribúe a diminuír os residuos enviados a vertedoiros ao tempo que promove unha economía circular.
Esta iniciativa está promovida polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Está cofinanciada con fondos europeos relativos ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE-NexGenerationEU. Os veciños e veciñas que desexen sumarse poden facelo no mail biorresiduos@concellosostible.gal ou chamando ao 699 526 341.