A concelleira de Igualdade deu lectura ao manifesto institucional dentro da campaña “Quéreme ben”, que continúa aberta ata o 29 de novembro
O Concello de Lousame conmemorou este mediodía o Día Internacional contra a violencia de xénero cunha masiva concentración na praza Teodomiro Hidalgo na que participaron alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO do CPI Cernadas de Castro, integrantes das asociacións MISELA e AMICOS, representantes da ANPA Alecrín, traballadores municipais e representantes dos tres partidos políticos municipais.
Unha xornada marcada pola meteoroloxía, xa que o acto iniciado na praza do Concello tivo que trasladarse ao salón de plenos debido a unha forte treboada. Tras o acto, todos os presentes fixeron unha fotografía de grupo, que volveu verse interrumpida por outra forte chuvieira. Nun ateigado salón de plenos, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional no que asegurou que “dende o Concello de Lousame seguimos acentuando o noso compromiso coa igualdade e contra a violencia de xénero. A violencia exercida contra a muller non é un problema alleo ás nosas vidas, é unha demostración indigna e impropia do ser humano que se reproduce a nivel mundial”.
Neste sentido, asegurou que “estamos a carón das vítimas impulsando accións como a pertenza deste concello á Rede de Entidades Locais que loitan contra a violencia sobre as mulleres e a coordinación con outras institucións e entidades a través da Mesa Local contra a Violencia de Xénero”. Así recordou a importancia de que “a veciñanza mostre o seu apoio ás vítimas da violencia de calquera índole. Non estamos ante un problema do ámbito privado, estamos ante un problema social”.
Quérenme ben
Acto seguido, a rapazada do CPI Cernadas de Castro procedeu a dar lectura ás frases que propoñen dentro da campaña de sensibilización “Quérenme ben”, organizada polo Concello de Lousame con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. Así, cada rapaz e rapaza deu lectura ao seu “pétalo”, comezando coa frase: quérenme ben ou non me queren… alternando frases polo bo trato con outras contra a violencia machista. Uns pétalos que conformaron tres margaridas do panel da campaña con mensaxes como quérenme ben cando sempre me escoitan cando o necesito ou non me queren cando me miran con desprezo.
Tamén tomaron a palabra representantes da asociación MISELA, que destacaron que “por todas as mulleres, sobre todo as máis vulnerables como somos o colectivo de mulleres con discapacidade, vimos hoxe a defender un mundo máis xusto e seguro para todos. Querédevos ben”. O acto rematou coa rapazada do CPI Cernadas de Castro repartindo ramos de margaridas entre todas as autoridades e público asistente.
Todas estas frases participarán na campaña “Quérenme ben”, que se desenvolverá nas Redes Sociais do Concello de Lousame ata o vindeiro 29 de novembro. Aberto ao público en xeral, hai dous xeitos de participar: compartir nas RRSS a publicación que o Concello de Lousame fixo cun vídeo da campaña “Quérenme ben” ou compartir unha frase relacionada coa campaña cos cancelos #querenmeben ou #nonmequeren. En ambos os dous casos é preciso etiquetar ao Concello de Lousame en Facebook (concello.delousame), Instagram (@somosLousame) ou X (@SomosLousame). En caso de non dispoñer de Redes Sociais, o Departamento de Igualdade de Lousame dá tamén a opción de enviar a frase por WhatsApp ao 689 126 385, indicando o nome e apelidos de quen a envía ou ao grupo ao que representa.
O concurso está aberto a toda a veciñanza e pódese participar de xeito individual ou grupal (aulas, entidades, asociacións…). O prazo para enviar frases remata o 29 de novembro. Ao finalizar a campaña sortearanse 1 vale por unha cea para dúas persoas para quen participe compartindo a campaña, 1 vale por unha cea para catro persoas para quen participe de xeito individual compartindo a súa frase e 1 vale de material deportivo entre os grupos.