Destacan a presenza de material de pesca, cabichas e plásticos
Estudantes de 4°da ESO do IES N°1 de Ribeira participaron recentemente nunha actividade do Programa de Ciencia Cidadá sobre Lixo Mariño do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) consistente na limpeza da praia de Coroso.
Durante a xornada contabilizáronse 1.752 residuos e 29,15 quilogramos de lixo, destacando material de pesca (cabos e cordas), cabichas, plásticos e outros desperdicios.
A comunidade educativa deste centro amosa a súa preocupación “pola elevada cantidade de residuos plásticos atopados recentemente na praia de Coroso, un dos espazos naturais máis importantes e frecuentados do municipio de Ribeira.” En consecuencia, solicitan ao Concello unha serie de medidas que contribúan a reverter a situación e concienciar á cidadanía sobre a importancia de manter as contornas libres de residuos.
A este respecto, o concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, agradece a disposición deste instituto “por participar nunha actividade que non só fai que o alumnado creza a nivel académico, senón que tamén persoal. Grazas por dedicar parte do voso tempo a limpar este areal; unha acción que redunda positivamente no conxunto da cidadanía. E tódalas suxestións son benvidas.” O edil tamén indica que o Concello de Ribeira traballa xa en medidas encamiñadas a “sensibilizar sobre a importancia de preservar os nosos espazos naturais, pois consideramos que a educación é a base de todo. E, por suposto, tamén tomamos acción con medidas concretas como, por exemplo, a xornada de limpeza do litoral de Corrubedo desenvolvida no mes de marzo con Grip Surf School.”

