Home A Coruña Andrea Díaz e Jonathan Fernández vencen na proba absoluta da oitava popular...

Andrea Díaz e Jonathan Fernández vencen na proba absoluta da oitava popular de San Sadurniño

- Anuncio -

Domingo de deporte en San Sadurniño, onde esta mañá se celebrou a oitava edición da carreira popular que reuniu un total de 370 deportistas desde os pouco máis de dous anos até os preto de oitenta. Malia os anuncios de treboadas o tempo aguantou até primeira hora da tarde sen pingar. Con todo, a calor e a humidade foron factores en contra dunha carreira que se desenvolveu sen incidencias e que estreaba un percorrido un tanto traizoeiro á hora de saber como dosificar forzas. Unha saída en chan, unha costa pronunciada a medio percorrido e un vertixinoso descenso despois, seguido dunha longa recta con repeito final antes de volver baixar de novo, puxeron a proba a resistencia e a astucia das corredoras e corredores na proba absoluta, na que volveu repetir como vencedor masculino Jonathan Fernández, do Náutico de Narón,cun crono de 16,15. A mellor marca feminina foi a de Andrea Díaz, do Atletismo Narón, con 19,39.

A VIII Carreira popular de San Sadurniño foi todo un éxito organizativo, gracias á colaboración do persoal da Federación Galega de Atletismo, do Club Voleibol Aldebarán, do club ciclista Biela e Chaveta e do apoio loxístico de Emesports, en cuxa web poden consultarse xa as clasificacións de todas as categorías.

A principal novidade desta edición foi o trazado na proba absoluta. Foron 4,9 quilómetros que, malia ser unha distancia asequible con algo de adestramento, supuxo un auténtico inferno para quen non prestase atención á sucesión de desniveis. De feito, o grupo compacto que saíu da Cortiña e que avanzou máis ou menos xunto pola Bidueda non tardou en ir estirándose a medida que se subía cara a Cornide.

A primeira costa marcou a diferencia máis avultada entre as deportistas e os deportistas con costume de correr populares, medias maratóns e maratóns, e quen está iniciándose neste tipo de probas. Porén, quizais fose a recta da AC-862 a que máis “tirou”. Quen pasaron con ben Cornide atopáronse cun segmento inferior ao quilómetro que comezaba cun leve descenso para logo ir en chan e rematar nunha subida máis dura do que parecía, algo que comentaron tanto corredoras expertas como menos afeitos a racionar esforzos.

Ese tramo, xa preto do esprín final cara á chegada -de novo cunha baixada e terreo chan-, foi tamén o máis espectacular da carreira polo paso ao mesmo tempo da ruta organizada na concentración moteira dos Fojeteiros, que se celebrou durante toda esta fin de semana en Narón.

A proba absoluta da popular sadurniñense botou a andar ás 11:30h e completouse en 41 minutos, nove por debaixo da previsión que tiña a organización. Ao podio subiron como vencedora e vencedor Andrea Díaz e Jonathan Fernández, con tempos de 19,39 e 16,15 respectivamente. Fernández xa vencera na carreira do ano pasado.

Despois da carreira de 4,9 quilómetros, o arboreto da Cortiña acolleu as probas para a rapazada, desde Sub 12 ata Peques. Os resultados de todas as categorías -agás a das nenas e nenos máis pequenos, que non eran competitivas- poden descargarse tamén nas seguintes ligazóns, xa que en Emesports poderían deixar de estar dispoñibles dentro dunhas semanas.

Relacionadas

O concello mellora a estrada no núcleo de A Fontaíña, en Lemaio

0
O proxecto supera os 86.000 euros de investimento. O núcleo de A Fontaíña, na parroquia de Lemaio, está a ser obxecto dun proxecto promovido polo...

Mercedes Rosón sobre a operación Peleteiro: “BNG e CA deben asumir a súa responsabilidade...

0
Lembra que en febreiro do 2023 toda a oposición bloqueou o proxecto do goberno socialista para a rehabilitación da parcela do antigo Peleteiro “Hoxe a...

A Festa da Filloa de Lestedo obtén o título de Festa de Interese Turístico...

0
A Secretaría de Estado de Turismo vén de remitir a resolución favorable á devandita declaración que converte a esta celebración na terceira da provincia...

A praia da Corna volve ser escenario dunha nova xornada de retirada de lixo

0
O Concello da Pobra do Caramiñal convoca unha nova xornada de limpeza de areais que se concentrará na Corna. Terá lugar no domingo 21,...

O Concello acometerá traballos de mellora do firme en nove rúas da cidade

0
As obras arrancarán nas próximas semanas e levaranse a cabo na rúa da Presa, rúa do Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de...

Aberto o prazo de inscrición da Baixada Popular de Cross de San Pedro de...

0
Aberto o prazo de inscrición da Baixada Popular de  Cross de San Pedro de Visma, terceira proba do  circuíto Coruña Corre  As persoas interesadas en...

Publicacións Relacionadas