HomeA CoruñaAnimacción converterá A Coruña e Vigo en escaparates do mellor cinema galego,...

Animacción converterá A Coruña e Vigo en escaparates do mellor cinema galego, nacional e internacional

- Anuncio -spot_img

• O festival celebrarase entre o 27 de outubro e o 1 de novembro, con proxeccións dirixidas a colexios de educación primaria, a centros especializados e outras para o público xeral.

Proxeccións O Festival Internacional de Animación Animacción converterá ás cidades da Coruña e Vigo nun auténtico escaparate para gozar do mellor cinema galego, español e internacional. Baixo a premisa de poñer en valor o sector da animación, a Asociación Ánimas Anónimas ofrecerá seis días de actividade con propostas para todos os públicos. O calendario de actividades desenvolverase entre o luns, 27 de outubro, e o sábado, 1 de novembro, en diferentes localizacións.

As proxeccións de curtametraxes e films serán unha das pedras angulares do cartel da novena edición. Así, ao longo do festival, exhibiranse as obras seleccionadas no Concurso de Curtametraxes e correspondentes ás tres categorías do certame. Serán 12 curtos na xeral, sete na infantil e contarase, ademais, cunha ampla representación de pezas galegas a través da sección Panorama Galicia Retro.

Por unha banda, durante a fase de presentación de pezas ao Concurso de Curtametraxes, Ánimas Anónimas recibiu, no caso da xeral, de países de ata cinco continentes. Finalmente, os que se reproducirán en Animacción son de España, Portugal, Francia e Reino Unido. En canto á infantil, as obras levan o selo de autores de España, Honduras, México, Guatemala e Bélxica. Ao longo das diferentes proxeccións, o público poderá gozar das historias que hai detrás de cada curtametraxe e apreciar, ademais, distintas técnicas de animación como o 2D, 2D cutout (empregada en series como South Park), 3D e stop motion (baseada en dar movemento a obxectos estáticos cunha serie de fotografías tomadas unha a unha, movendo lixeiramente os obxectos entre cada toma).

O carácter internacional do evento estará tamén presente na exhibición de longametraxes. Nesta ocasión, reproducirase un documental e unha película palestinas (The Wanted 18 e The Tower, respectivamente), o palmarés do festival CINANIMA de Portugal, o filme australiano Memorias dun caracol e a obra Flow, de orixe letón.

As proxeccións abertas ao público realizaranse entre o 27 de outubro e o 1 de novembro na Filmoteca de Galicia e no Fórum Metropolitano da Coruña. O acceso será gratuíto, pero nesta edición, co fin de apoiar ao pobo palestino, poñerase en marcha un despacho de billetes inverso para acceder ao documental The Wanted 18 e á película The Tower. Desta forma, as persoas que retiren os seus pases terán a oportunidade de facer unha doazón voluntaria. A través de dúas asociacións colaboradoras (Galiza por Gaza e Cabezón por Gaza), Ánimas Anónimas destinará todo o recadado aos autores palestinos.

Premios
A novena edición do Festival Animacción concluirá coa entrega de ata os seguintes premios:
• Premio da Sección Xeral, para o curto que reciba un maior número de votos por parte das persoas asistentes ás proxeccións.
• Premio da Sección Infantil, que se entregará en base ás votacións dos colexios de educación primaria participantes nesta convocatoria.
• ⁠Premio do Xurado, concedido tras a deliberación dun tribunal constituído por diferentes profesionais do sector.

Publicacións Relacionadas