Cunha fotografía da lúa en fase decrecente sobre o santuario dos Milagres, logrou o primeiro premio da modalidade “Xeral” como xa fixera nos anos 2020 e 2021.
A IV edición do concurso fotográfico A Laracha no obxectivo xa ten gañadores, que se repartirán un total de 1.500 euros en premios. O xurado profesional estivo formado por Raúl Lorenzo, realizador audiovisual; Irene Boquete, responsable do Mesón A Taberna de Santa Margarida en Montemaior, ademais de ser membro da Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) e da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM); e por María Canedo, técnica de Turismo e Cultura do Concello. Tras valorar as 45 instantáneas presentadas á modalidade “Xeral” do certame, acordaron outorgar os seguintes galardóns:
1º premio, dotado con 600 euros: Lúa decrecente polo santuario, de Antonio Fernández Martínez.
A imaxe capta a lúa decrecente aliñada co campanario do santuario dos Milagres, coa silueta dun corvo —ou quizais un melro— pousado sobre o pararraios, testemuña fortuíta dunha escena meticulosamente planificada. O autor explica que realizou varias tomas entre as 8:20 h da mañá e os minutos posteriores, variando lixeiramente a posición en función da traxectoria da lúa, á distancia aproximada de 675 metros.
O xurado salientou o seu potente impacto visual, capaz de atrapar desde o primeiro instante e de gañar forza a medida que se descobren os elementos entre a penumbra do amencer. Destacaron tamén a presenza dun elemento patrimonial recoñecible e a importante preparación previa, que requiriu paciencia e un coidado especial na composición.
Dáse a circunstancia de que Antonio Fernández xa obtivera o primeiro premio deste certame nos anos 2021 e 2022. E ademais hoxe presentou en Caión o libro Costa da Morte: naturalmente única do que é coautor xunto a Xan Fernández e que foi editado pola asociación APTCM.
2º premio, dotado con 400 euros: Memoria de piedra, de Jonatan Mesías Torres.
A obra ofrece unha interpretación pouco habitual do litoral de Caión, centrada na súa dimensión pétrea: masas rochosas en primeiro plano, a costa atlántica ao fondo e un reflexo que une terra e mar nun mesmo diálogo visual. O ambiente transmite a solidez da pedra fronte ao paso do tempo e do océano.
A valoración do xurado incidiu en que, sendo Caión un escenario habitual no certame, a fotografía aporta unha perspectiva nova, afastada das imaxes máis recorrentes do areal. Destacou a composición, a elección dun punto de vista máis baixo para potenciar a orixinalidade e a capacidade de descubrir beleza na aparente rudeza das rochas, cos seus matices, coas súas cores e coa vila recortándose ao fondo.
3º premio, dotado con 250 euros: Fogar das xacias, de Iván Gómez Costa.
Realizada o 2 de novembro na contorna do muíño Grande de Gabenlle, a fotografía centra a atención nunha pequena fervenza, empregando unha longa exposición para acadar o característico efecto seda da auga.
Para o xurado, trátase dunha imaxe moi atractiva, froito dunha composición meditada e dun bo aproveitamento dos elementos naturais do entorno. Valorouse a técnica fotográfica aplicada ao movemento da auga e a decisión de baixar o punto de perspectiva para lograr unha imaxe máis suxestiva.
Premio na Modalidade “Redes Sociais”
Así mesmo, lémbrase que a fotografía titulada Memorias de auga e cerne, realizada por Iria Boza Martínez, veciña da parroquia de Golmar, resultou gañadora da modalidade “Redes Sociais”, dotada con 250 euros, tras ser a imaxe que acadou máis reaccións positivas na páxina de Facebook Turismo da Laracha durante o período de votación.
A Laracha no obxectivo
O Concello da Laracha convocou esta nova edición do certame para ampliar o fondo fotográfico municipal, promover a creatividade e poñer en valor os diferentes espazos naturais, culturais, patrimoniais e etnográficos do municipio. Ademais, a iniciativa contribúe a reforzar a proxección turística da Laracha e a difundir, a través da fotografía, a identidade propia do territorio e da súa veciñanza.
A entrega dos premios realizarase nun acto oficial que se celebrará nos próximos días.



