O acto desenvolverase na instalación municipal de Ribeira no venres 31, ás 20.00 horas
Unha homenaxe ao mundo dos felinos e á súa natureza libertaria é o que poden atopar os lectores no libro infantil de Ánxela Gracián: Honorata e a casa das palabras gardadas. A autora dará a coñecer máis detalles da súa obra ante o público ribeirense no venres 31, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.
A alcaldesa, María Sampedro; o escritor, Antonio Piñeiro; e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Marta Neira; arrouparán á autora durante a presentación. Ánxela Gracián é escritora de literatura infantil e tradutora. Conta no seu curriculum con traducións ao galego como, por exemplo,
Memorias de Adriano, de Margarite Yourcenar, e Corto Maltés ou Balada do mar salgado, de Hugo Pratt. E, no 2008, converteuse na gañadora da sétima edición do Premio Plácido Castro pola súa tradución de A illa misteriosa, de Jules Verne.
A maiores, ten unha dilatada traxectoria como escritora con títulos como Cos petos cheos de cinza (1988), As bolboretas douradas (1999), Eu tamén fun peliqueiro de Laza (2000), Chis chisgarabís (2004), A toupiña cegarata (2005), Nun lugar chamado labirinto (2005), Pinga de choiva (2009) e As palabras do silencio (2013).



