HomeA CoruñaAnxo Queiruga: “As persoas con discapacidade estamos moi discriminadas na sociedade. Temos...

Anxo Queiruga: “As persoas con discapacidade estamos moi discriminadas na sociedade. Temos que cambialo!”

- Anuncio -spot_img

O 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, efeméride que COGAMI aproveita para pechar a campaña lanzada este ano baixo o lema #SomosCOGAMI, na que dedicou cada mes de 2023 a reivindicar un dereito fundamental que non sempre se respecta cando a persoa ten discapacidade. Neste mes de decembro, COGAMI visibiliza ante a sociedade e as diferentes administracións, as desigualdades que vive a persoa con discapacidade.

COGAMI e as súas 58 entidades membro traballan polo cumprimento da lexislación, asesorando ás persoas con discapacidade e denunciando a vulneración de dereitos. As persoas con discapacidade continúan a ser un dos grupos sociais con máis situacións discriminatorias para exercer os seus dereitos, malia os recentes cambios normativos. Primeiramente, demandamos que urxe que se axilicen os procesos de valoración da discapacidade e de dependencia, o seu retraso impide que as persoas poidan acceder a servizos e recursos que precisan para mellorar a súa calidade de vida e das familias.

A carencia de contornas, espazos, transportes, bens e edificios accesibles segue a ser a reclamación máis repetida que chega a COGAMI. Son moitas as persoas con mobilidade reducida que atopan obstáculos na súa vida diaria como escaleiras de acceso, chanzos nas rúas, falta de prazas de aparcamento reservadas, sinalización. Un problema moi importante é a falta de accesibilidade no transporte público que non sempre conta coas adaptacións necesarias. Tampouco o temos máis doado cando decidimos asistir a eventos culturais, recreativos e de lecer.

“As persoas con discapacidade estamos moi discriminadas na sociedade. Temos que cambialo!”, indica o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga. “A Administración debe comprometerse e vixiar o cumprimento das normas e, no caso de que non se cumpran, deberá poñer en marcha os mecanismos de control que sexan necesarios para que as mesmas sexan efectivas”, engade Queiruga.

Para que unha persoa con discapacidade poida ter independencia e autonomía, é necesario que poida participar en todos os ámbitos da sociedade e da vida pública, cultural, política, económica, nas actividades recreativas, deportivas e en accións de voluntariado, de asociacionismo, no ámbito sociosanitario, educativo, profesional e laboral. Para levar a cabo esta participación, é necesario contar cunha oferta de vivenda accesible que permita o avance nos seus proxectos de vida, independizarse e ser máis autónomas. Isto implica a urxencia na reforma da Lei da Propiedade Horizontal na que as obras de accesibilidade de fincas comunitarias sexan asumidas pola comunidade veciñal onde vivan persoas con discapacidade ou maiores de 70 anos, así como priorizar nas axudas de mellora da accesibilidade nas vivendas ás persoas con discapacidade, e impulsar vivenda pública accesible.

En canto ás entidades representativas das persoas con discapacidade orgánica, demandan que existe unha desigualdade a nivel estatal e autonómico con respecto á valoración da discapacidade e o acceso aos tratamentos varían dependendo da área sanitaria á que se pertenza. Denuncian, tamén, que dende a entrada en vigor do novo baremo de valoración da discapacidade estase a observar unha tendencia á baixa na valoración do grao e a falta da aplicación de factores sociais complementarios que aborden as situacións de interseccionalidade que se poidan presentar.

Fin da campaña #SomosCOGAMI

No mes de decembro COGAMI pecha a campaña #SomosCOGAMI coa que pretendeu sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas tanto nas redes sociais como tamén nos medios de comunicación galegos.

No mes de xaneiro presentamos a campaña; en febreiro promovemos a autonomía persoal; en marzo apoiamos ás nenas e mulleres con discapacidade; en abril impulsamos a correcta intervención sociosanitaria; en maio falamos de formación e en xuño de emprego e de oportunidades laborais; xullo foi o mes do fomento de actividades de lecer inclusivas; agosto atendemos ás necesidades da infancia e xuventude; en setembro falamos de accesibilidade e espazos para todas e todos; en outubro traballamos en rede co movemento asociativo; en novembro fixemos unha chamada á colaboración do voluntariado e en decembro reivindicamos a participación social en igualdade.

Publicacións Relacionadas