HomeA CoruñaA CoruñaAprobada a licitación das obras do Parque do Vixía, cun investimento de...

Aprobada a licitación das obras do Parque do Vixía, cun investimento de 1,6 millóns de euros

- Anuncio -spot_img

A nova zona verde de Monte Alto terá un prazo de execución de 12 meses e transformará máis de 16.000 metros cadrados en espazos de arboredo, sendas peonís, miradoiros e áreas de xogos

O Concello adxudica a reforma dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre e o mantemento nas instalacións deportivas municipais

Aprobado o investimento de 3.764.619 euros dos fondos Next Generation na compra de 87 puntos limpos de proximidade

O Concello aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local a licitación das obras do parque do Vixía, segundo informou a alcaldesa, Inés Rey. “O parque do Vixía será un dos grandes espazos verdes do barrio de Monte Alto”, indicou a rexedora, que ademais destacou que será o parque máis elevado da cidade e que contará cunhas vistas privilexiadas.

O investimento previsto para a transformación de máis de 16.000 metros cadrados ascende a 1.629.946 euros, para unhas actuacións que teñen un prazo máximo de execución de 12 meses. A transformación dese espazo, na contorna do depósito de auga, permitirá integrar distintos espazos, ao eliminar muros de peche para acadar unha superficie unitaria e homoxénea, na que se plantará arboredo. Ademais, instalaranse sendas peonís e crearanse distintas zonas de xogos, explicou Rey. “Entre os aspectos máis destacados do proxecto figura a creación de pasarelas peonís elevadas que permitirán superar a altura dos edificios da contorna e servirán como miradoiros para gozar das vistas da Torre de Hércules e do océano”, indicou a alcaldesa.

O novo parque contará con sendas peonís e áreas de xogos e integrará os distintos espazos existentes na zona ao retirar muros de peche para crear un único parque.

Vestiarios da Cidade Deportiva da Torre

O Goberno tamén resolveu a contratación da primeira fase do proxecto de reforma nos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre á empresa Elecnor Servicios y Proyectos, S.A.U, cun investimento final de 854.031,01 €. O prazo de execución do proxecto é de 24 semanas, a partir do día seguinte ao da sinatura do contrato. A actuación permitirá a renovación integral das estancias para facelas máis cómodas para os milleiros de xogadores e xogadoras que as utilizan regularmente.

A actuación nos vestiarios inclúe a renovación completa do sistema de auga quente, cunha modernización que permitirá garantir a subministración para todo o complexo mellorando o rendemento enerxético e adaptando as instalacións á normativa vixente. Ademais, o contrato supón un incremento no investimento de máis de medio millón de euros. A iniciativa suporá a racionalización dos recursos técnicos e humanos, a mellora na planificación e coordinación dos traballos, a redución dos tempos de espera ante as incidencias e a optimización económica do servizo.
“A Cidade Deportiva da Torre cumpre un cometido fundamental no desenvolvemento das actividades deportivas nas que participan coruñeses e coruñesas de todas as idades. Por iso estamos facendo unha mellora profunda dos seus vestiarios, escoitando as demandas das persoas usuarias”, apuntou a alcaldesa, que recordou tamén que o Concello xa renovou o céspede artificial dos campos e mesmo abriu nas instalacións unha cafetería, tal e como demandaban desde había anos nais e pais.

Mantemento en instalacións deportivas

Por outra banda, o Concello sacou a licitación o contrato que garantirá o servizo de conservación e mantemento integral das instalacións deportivas municipais, cun orzamento máximo de 1.600.000 € e cunha duración inicial de dous anos, prorrogables anualmente por dous anos máis.
“Temos unha rede municipal de instalacións que é extraordinaria e que empregan milleiros de cidadáns. Este investimento público mellorará e manterá o estado destas infraestruturas clave”, indicou Rey.

Actualmente, o Concello ten en marcha o desenvolvemento do Plan director de instalacións e equipamentos deportivos, cuxo obxectivo é darlles resposta aos déficits que poidan existir en equipamentos deportivos de titularidade municipal e planificar e programar de forma óptima as actuacións que se van levar a cabo. Neste marco, o Goberno intensificou nos últimos anos as melloras na rede pública de espazos deportivos cos seus investimentos.

Rehabilitación da zona de deportes de praia de San Pedro de Visma

Outro asunto aprobado na Xunta de Goberno Local realizada hoxe, tamén dentro do eido de novas instalacións deportivas, foi a licitación do contrato para realizar as obras de construción da zona de deportes de praia de San Pedro de Visma, cun orzamento base de 119.423 € e un prazo de execución de 10 semanas desde a data de inicio dos traballos na zona. Este investimento permitirá contar cun espazo para a práctica do vólei praia coas medidas regulamentarias para as distintas competicións.

Con esta actuación, o Goberno busca diversificar a oferta deportiva municipal e promover disciplinas en crecemento vinculadas ao deporte ao aire libre e fomentar hábitos saudables coa habilitación de novos espazos que xeren novas oportunidades para clubs e usuarios.

Puntos limpos de proximidade

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación da compra de 87 puntos limpos de proximidade á empresa UTE Natural Kube-Valoriza. O Concello inviste 3.764.619 euros nos ditos contedores, que mellorarán sensiblemente a recollida selectiva en todos os barrios e que lle permitirán á cidadanía achegar ata eles residuos que doutro xeito terían que levar aos puntos limpos xa existentes. Desta forma, facilítase a separación de residuos en orixe para acadar maiores cotas de reciclaxe e, polo tanto, menor impacto ambiental. O Concello acadou máis de 11 millóns de euros de fondos Next Generation para mellorar a recollida de residuos. Os puntos limpos de proximidade forman parte desa partida, ao igual que os colectores de carga lateral ou as tarxetas para abrir colectores. O Concello tamén repartirá nos domicilios caldeiros, embudes para aceite e bolsas.

Servizos de conserxería

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación do segundo lote do servizo de conserxerías en edificios municipais, correspondente ás instalacións de Emprego e Empresa, a Eulen S.A., cun investimento final de 383.042,64 € e unha duración de contrato de dous anos, con posibilidade de prórroga por tres máis.

A empresa comprometeuse, ademais de cumprir cos servizos esixidos nos pregos, a levar a cabo formacións para o seu persoal en materias como atención ao público, primeiros auxilios, resolución de conflitos laborais e igualdade de xénero, co obxecto de optimizar a calidade do desenvolvemento profesional.

Esta adxudicación é parte do plan do Concello para concretar a contratación por lotes (cun total de catro) dos servizos de conserxería dos edificios das diferentes áreas da Administración. Despois da aprobación do contrato para as instalacións de Cultura e as de Emprego, só restarían os lotes de Benestar Social e Deportes.

Xestión do Centro de Día Novoboandanza

O Concello tamén confirmou a contratación da empresa Osventos Innovación en Servizos S.L. para a xestión do servizo social comunitario público e municipal do Centro de Día Novoboandanza por un importe máximo de 908.088,72 € e por un período de dous anos, coa posibilidade de prórroga doutros dous.

A empresa adxudicataria encargarase tamén de lle impartir, durante o primeiro ano de duración do contrato, unha formación ao persoal sobre o trato axeitado a persoas maiores e a prevención do edadismo. Ademais, como mínimo o 90 % do cadro de persoal activo no centro deberá ser de persoal fixo con contrato indefinido.

Servizo de comedor nos centros cívicos de Monte Alto e Novaboandanza

A Xunta de Goberno Local adxudicou, ademais, o servizo de comedor social nos centros cívicos municipais de Monte Alto e Novoboandanza á empresa Servizos Renovados de Alimentación S.A., cun investimento de 392.563,54 € e unha duración de contrato de dous anos, coa posibilidade de prórroga por outros dous.

Dentro dos termos da adxudicación, a empresa elixida comprometeuse a maiores a poñer a disposición, anualmente, 150 menús máis, co fin de atender posibles situacións de especial vulnerabilidade ou emerxencia social. “Os centros cívicos son un elemento moi importante porque crean comunidade e identidade nos barrios. Este goberno sempre vai procurar que teñan todos os recursos e servizos necesarios”, valorou Inés Rey.

Mellora do sistema eléctrico do castelo de San Antón

Tamén se aprobou a adxudicación a favor da compañía Tecnored S.A. do contrato de mellora e modernización do sistema eléctrico do castelo de San Antón, un dos puntos de maior significación histórica da cidade, cun investimento de 418.278,85 €. A fortaleza contará cun sistema acorde coas esixencias actuais para o seu correcto funcionamento e apertura cara ao público.

Expediente sancionador Mercado de Nadal

O Concello tamén inicia o procedemento para sancionar a empresa adxudicataria do Mercado de Nadal de María Pita do ano pasado, NC7 Events S.L., por infraccións moi graves da autorización de ocupación de espazo público.

En concreto, o expediente apunta á neglixencia na montaxe das estruturas do mercado e, moi especialmente, os riscos provocados pola empresa coa deficiente instalación eléctrica e o claro incumprimento dos compromisos de dinamización e decoración que a beneficiaria da licitación tiña a obrigación de satisfacer. Para garantir a habilitación dun espazo de dinamización comercial e cultural correctamente articulado, o Concello tivo que tramitar tres contratos menores para suplir as carencias observadas.

Por todo isto, o Goberno inicia agora o trámite para impoñer a sanción prevista por incumprimentos “moi graves” na execución do contrato, o que suporía unha multa de entre o 8 e o 10% do contrato, ademais de que a empresa non poida contratar co Concello durante un período de tres anos. En total, o Concello sancionará a empresa cunha multa de 3.000 euros pola taxa de ocupación e de 50.000 en concepto de danos e perdas ocasionados pola execución substitutoria de medidas para garantir a seguridade.

Publicacións Relacionadas