Home A Coruña "Area, cemento, Xiradela monumento!"

“Area, cemento, Xiradela monumento!”

- Anuncio -

· A Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo fai 40 anos e preparou para festexar a efeméride unha festa aberta toda a veciñanza de Arteixo e comarca.

· Escoitaránse as Músicas de Cecebre e tamén haberá concerto do trío Fransy, Davide e Cibrán.

· A praza do Balneario acollerá unha celebración na que pasado presente e futuro da música tradicional bailarán á par.

“Area, cemento, Xiradela monumento!”, ese era o berro de guerra que soaba nos autobuses nos que hai 40 anos os primeiros conxuntos de baile de Xiradela se desprazaban para actuar. Hoxe catro décadas despois, o lema recupérase para festexar que esta asociación xuvenil arteixá está de aniversario.

No verán do 1980 un grupo de rapaces que se xuntaba na praia de Repibelo propúxose aproveitar o seu tempo libre desfrutando do baile galego. A idea callou e, dous anos despois, logo de moitas reunións tomou forma legal co nome Asociación Xuvenil Xiradela o 15 de maio de 1982. Esta fin de semana faranse 40 anos desa data, e este colectivo ligado á música tradicional festexa na tarde-noite do sábado o seu aniversario.

A festa consistirá nunha foliada aberta a toda persoa que desexe sumarse. Haberá música e baile, pero tamén actuacións. Así, escoitaranse as Músicas de Cecebre da man de Pedro Lamas e compañía, e o trío Fransy, Davide e Cibrán, dará un concerto.

Durante a festa sortearanse regalos achegados por firmas como: Bulideira, O falsete, Seivane, J&R, Alén cervexas artesanas, floristería, Arteixo Centro Comercial Aberto e Carnicería El Paisano. Esta foliada – aniversario de Xiradela conta coa colaboración do Concello de Arteixo e a Deputación da Coruña, Revela, Moma e Repica.

Traballo de investigación e recollidas por toda Galicia

A Asociación Xuvenil Xiradela nacía nos anos oitenta co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo libre. Todas as metas fixadas entón cumpríronse.

Durante estes 40 anos Xiradela levou a cabo unha enorme labor de investigación folclórica con recollida de coplas, toques e bailes de parte dos nosos maiores. Un traballo que se fixo peneirando lugares de todo o territorio galego. Nomeadamente no concello de Arteixo e a comarca de Bergantiños, pero tamén polas catro provincias galegas.

Nestas catro décadas de historia Xiradela pasou de impartir clases de baile tradicional a sumarlle máis actividades como pandeireta e canto tradicional, gaita, percusión, acordeón, e incluso outras como danzas orientais.

Catro locais en catro décadas

Catro foron os locais que deron acubillo aos membros de Xiradela nestas décadas de historia. O primeiro dos espazos localizábase na rúa Independencia, era un baixo sen divisións e no que as paredes era de ladrillo si, ladrillo non así que nos comezos da asociación, o frío, o vento e ata a auga, eran tamén parte dos ensaios. Pero aquel lugar, cedido por José Rozamontes, foi o xérmolo do que logo viría.

Pasouse logo a un local parroquial no que xa se contou con espazo exterior que permitiu artellar as primeiras edicións de festexos populares que hoxe en día son clásicos da asociación como a festa de Entroido, a Noite Meiga ou o Magosto.

A seguinte parada de Xiradela foi un espazo cedido por Alumán no polígono de Sabón. A día de hoxe, a asociación ten os seus locais de ensaio nas instalacións de Agarimo.

Con todo, pese a ir cambiando de lugar a asociación sempre estivo radicada no Concello de Arteixo.

Xirando polo mundo enteiro

Nesa idea inicial de recuperar o folclore e gozar do tempo libre encádranse tantas e tantas actuacións que os membros de Xiradela ofreceron por diferentes lugares. Non hai parroquia de Arteixo que non teña aplaudido os seus puntos de baile ao final dunha muiñeira.

Pero os pasos dos grupos de Xira non se limitaron nin a Arteixo, nin a Galicia, nin tan sequera a España. Nestes 40 anos bailouse e cantouse por diferentes países de Europa: Francia, Alemaña, Bélxica, Escocia, Portugal… As Pandeireteiras de Xiradela gravaron disco propio e tamén soan as súas voces en traballos de artistas como Carlos Núñez ou Dulce Pontes. Máis preto no tempo cabe salientar a colaboración coa BSO do ballet internacional Grupo Corpo a través da cal as voces e as pandeiretas de Xiradela soaron polo mundo enteiro.

Se falamos de premios ou recoñecementos, grupos de pandeireteiras da asociación obtiveron recoñecementos en concursos como o de Xacaradaina, Soalleira ou Traspés. Foi o caso de Lume ou A Pedreira en varias ocasións. Estas últimas, malia á súa mocidade, chegaron a actuar con Xabier Díaz. Noutras citas destacadas cabe nomear a intervención de Algarada e Cantaruxa no Festival Internacional de Arouca.

Ademais dos actos sociais como a Noite Meiga ou o Magosto, Xiradela celebra anualmente un concurso de música e o Día da Muiñeira en Arteixo que ten lugar cada mes de xuño.

Este sábado cando dean as doce e o almanaque diga que xa é 15 de maio todo Xira volverá berrar: “Area, cemento, Xiradela monumento!” Convidados estades os que queirades sumarvos á foliada.

Relacionadas

Inés Rey reivindica o valor para a cidade da Escola Municipal de Música na...

0
“A esencia desta institución non é só formar músicos, senón tamén persoas”, dixo a alcaldesa A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, interveu esta tarde na...

Yoya Neira destaca os valores da Asociación de Amas de Casa no Día da...

0
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asistiu hoxe en Palexco en representación da alcaldesa, Inés Rey, A tradicional comida do Día da Amizade...

Instalada a pasarela entre Agramar e Areeiros, preto do Sol y Mar

0
A pasarela que facilita a comunicación ciclopeonil entre as prazas de Agramar e Areeiros, na contorna do Sol y Mar e relacionada coas obras...

O ‘Obradoiro de emprego A Laracha VIII’ rehabilita o Centro Sociocultural de Erboedo

0
Paralelamente a especialidade de traballos de carpintería e moble actúa na mellora do paseo fluvial do Anllóns. O Concello ten en marcha desde hai case...

Compostela demanda a elaboración dun Plan estratéxico para coordinar os aeroportos galegos

0
A alcaldesa defendeu a necesidade dunha política aeroportuaria coordinada e planificada baseada nun plan estratéxico e "liderada por Santiago como punto de referencia e...

O Concello da Pobra convoca unha asemblea veciñal para informar do proxecto de ampliación...

0
Informar do impacto do proxecto de ampliación das instalacións de Escurís S.L. na contorna da Baiuca, ao abeiro da solicitude de declaración de interese...

Publicacións Relacionadas