HomeA CoruñaA CoruñaArrincan as obras de remodelación do mercado de Santa Lucía, que acollerá...

Arrincan as obras de remodelación do mercado de Santa Lucía, que acollerá un novo centro de saúde e máis equipamentos públicos de usos múltiples

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe a primeira xornada de traballos, punto de partida dunha intervención concibida para dar resposta ás necesidades da veciñanza da Falperra e parte do Ensanche

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá as instalacións do antigo mercado de Santa Lucía, onde hoxe arrincaron as obras de remodelación dun edificio que será reconvertido para que acolla un novo centro de saúde e máis equipamentos públicos de usos múltiples, como un centro cívico.

Nesta primeira xornada de traballos, os operarios da empresa adxudicataria, a Constructora San José, centráronse na sinalización e acoutado das zonas de actuación, paso preliminar á rehabilitación do mercado e as súas estruturas, que serán visibles máis adiante.

Acompañada polos concelleiros José Manuel Lage e Francisco Díaz Gallego, así como polo xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, a rexedora salientou a importancia dunha intervención longamente agardada pola veciñanza da Falperra e parte do Ensanche, xa que Santa Lucía acollerá un novo centro de saúde, máis moderno e amplo que o actual ambulatorio de Federico Tapia. “Contaremos cunha instalación sanitaria con máis capacidade, adaptada ás persoas usuarias e ás súas necesidades actuais”, dixo.

A rehabilitación de Santa Lucía conta cun orzamento de 9,6 millóns de euros, cofinanciado entre o Concello e a Xunta. Rey lembrou que case a metade do investimento sairá das arcas municipais, grazas á captación de case tres millóns en fondos europeos PIREP por parte do Goberno local.
“A recuperación de Santa Lucía era un dos principais compromisos que asumimos para este mandato. Falamos dunha demanda histórica que se remonta a hai máis de 15 anos e que, non sen esforzo, comezamos a ver cumprida”, expuxo a alcaldesa, que esta mañá, acompañada polo presidente da Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra, Jaime Suárez, así como por máis integrantes da AAVV, agradeceu ás veciñas e veciños a súa paciencia e comprensión ao longo destes anos de agarda.

O prazo de execución das obras, 15 meses

Se todo vai segundo o previsto, a rehabilitación de Santa Lucía completarase en 15 meses. Foi o prazo ao que se comprometeu a empresa adxudicataria na fase de concurso para optar aos traballos, sendo, precisamente, un dos aspectos que mellor se valoraron cando a Mesa de Contratación puntuou as ofertas presentadas. Desta forma, o novo Santa Lucía sería unha realidade a inicios do ano 2027.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a sintonía existente coa Xunta para avanzar na rehabilitación do mercado, plasmada a finais do mes de xuño coa sinatura do convenio interadministrativo entre ambas as partes. “É un exemplo de que, con vontade e sentido común, é posible dar resposta ás necesidades das veciñas e veciños afastándonos de cores políticas e posicións estáticas. Estamos aquí para dar solucións e coido que ese foi o espírito que impulsou o desbloqueo desta intervención tras máis de quince anos sen que existisen avances reais e palpables”, indicou.

A alcaldesa tamén agradeceu o traballo dos servizos municipais implicados nesta actuación, para axilizar canto antes os trámites administrativos previos ás obras.

Publicacións Relacionadas