A alcaldesa Teresa Villaverde asistiu ao inicio dos cursos no Sanguiñal e Aldeagrande inscrición estará aberta durante todo o curso
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asistiu esta mañá ao inicio da edición número 22 dos Obradoiros da Memoria, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores de 60 anos a través de actividades que buscan manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Uns cursos que reúnen este ano a un total de 63 persoas, se ben a inscrición está aberta durante todo o ano.
Un punto sobre o que incidiu especialmente Villaverde País durante a súa visita aos Obradoiros da Memoria do Sanguiñal (Tállara) e Aldegrande. “Boto en falta moita xente nestes cursos e hai que animala a que se apunte e veña porque non podemos agardar a perder a memoria para vir a estas actividades”, explicou Teresa Villaverde, quen fixo fincapé na utilidade dos exercicios e dinámicas que se traballan nas clases para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe.
Os Obradoiros da Memoria impartiranse todos os martes nos locais sociais do Sanguiñal (dúas sesións de 09:30 horas e 10:30 horas) e Aldeagrande (12:00 horas), os mércores no local social de Cruído (10:00 horas) e os xoves nos locais sociais de Vilacoba (10:00 horas) e da Escabia (11:30 horas). As sesións teñen unha duración dunha hora as inscricións son totalmente de balde e poden facerse en calquera momento do ano nos Servizos Sociais de Lousame, chamando ao 981 820 494 ou por WhatsApp no 689 126 385..