Home A Coruña As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade lanzan unha campaña de promoción internacional...

As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade lanzan unha campaña de promoción internacional con Turespaña e Paradores en Europa, América e Asia

- Anuncio -

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España presentou hoxe o plan de acción 2021, que se asinou xunto co secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, para a promoción das 15 cidades españolas co selo Unesco nos principais mercados internacionais de Europa, Estados Unidos e Asia. A presentación deste plan tivo como escenario a caseta de Turespaña en FITUR e ao acto asistiu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xunto co resto de alcaldes e alcaldesas das 15 cidades, así como o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte. A continuación presentouse o plan de acción 2021 xunto co presidente de Paradores, Óscar López.

Sánchez Bugallo destacou a importancia da promoción conxunta das cidades, que achegan un “valor patrimonial incalculable” e dentro das cales Santiago xoga un papel fundamental.

Segundo explicou o presidente do grupo e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, “o convenio con Turespaña inclúe presentacións en mercados de orixe dirixidas a profesionais do sector, aos medios de comunicación e ao público en xeral. En 2021 xa temos programadas citas en París; Lisboa, Frankfurt, Munich, Tokio e Seul. Ímonos a dirixir a todos eses mercados emisores, convencidos de que turistas de todo o mundo queren facer a maleta e viaxar ás nosas cidades atraídos pola cultura, os monumentos, a gastronomía, os espazos naturais e os grandes eventos, sabendo ademais que as nosas cidades son destinos seguros. Cremos que é o momento de reactivación das viaxes internacionais e por iso lanzamos unha potente campaña de promoción da man do noso socio preferente, Paradores de Turismo”.

O presidente do Grupo recalcou “o poder de convocatoria das Oficinas Españolas de Turismo, cuxos equipos se entregan para que estas presentacións internacionais sexan un éxito. A colaboración das Embaixadas e Consulados de España nestes países, así como do Instituto Cervantes, e a incorporación en moitos destes actos de Paradores, convérteos en auténticas delegacións do mellor da Marca España”.

O secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, destacou que este FITUR supón a demostración de que “estamos no inicio da recuperación turística, con perspectivas moi positivas sobre a continuación das viaxes internacionais e a relaxación das restricións de mobilidade en países como Reino Unido ou Estados Unidos. Por iso é o momento de volver impulsar a promoción internacional nos mercados estratéxicos internacionais e, sen dúbida, as Cidades Patrimonio e Paradores representan o mellor da oferta turística de España, unha aposta polo turismo de calidade e un compromiso coa excelencia”.

“Cada vez hai máis xente que nos quere visitar pola nosa proposta cultural, gastronómica e patrimonial, polo que cos fondos de recuperación europeos temos unha oportunidade histórica para colocar ás Cidades Patrimonio, auténticos museos ao aire libre, no lugar que merecedes a nivel internacional”, engadiu Fernando Valdés.

A presentación do plan de acción contou coa presenza de Miguel Sanz, Director Xeral de Turespaña; xunto cos alcaldes e alcaldesas de Alcalá de Henares (Javier Rodríguez Palacios); Ávila (Jesús Manuel Sánchez Cabrera), Baeza (Lola Marín), Cáceres (Luís Salaya), Córdoba (José María Bellido), Eivissa/Ibiza (Rafael Ruiz), Salamanca (Carlos García Carbayo), San Cristóbal de la Laguna (Luís Yeray Gutiérrez), Santiago de Compostela (Xosé Sánchez Bugallo), Tarragona (Pau Ricoma), Toledo (Milagros Tolón) e Úbeda (Antonia Olivares).

Ao acto tamén asistiron a coordinadora da comisión de Turismo do Grupo, Pilar Amor (Mérida), xunto cos concelleiros de Turismo de Alcalá (María Aranguren); Ávila (Carlos López), Baeza (Ana Rodríguez), Cáceres (Jorge Villar), Santiago de Compostela (Gumersindo Guinarte), Salamanca (Fernando Castaño), Segovia (Gina Aguiar), Toledo (Francisco Rueda) e Úbeda (Elena Rodríguez).

A caseta de Paradores de FITUR foi o escenario da foto de familia dos alcaldes e alcaldesas do Grupo, xunto co presidente da entidade, Óscar López, tras a presentación do plan operativo de ambas as entidades para este ano 2021.

O presidente do Grupo, Antonio Rodríguez Osuna, lembrou o éxito das presentacións conxuntas dirixidas ao mercado nacional, organizadas no Concello de Sevilla e no Museo Thyssen-Bornemisa en Madrid, e engadiu que “no noso plan para o mercado internacional, en colaboración con Turespaña, xa temos axendadas as novas campañas en París, Lisboa, Munich, Frankfurt, Seúl, Tokio e a costa este de EEUU”.

A colaboración entre ambas as entidades esténdese a outros campos: “Sumaremos a estas accións unha nova liña de traballo común para levar ás nosas 15 cidades os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, seguindo o bo camiño emprendido por Paradores no campo da Sustentabilidade, coa organización dunhas xornadas destinadas aos nosos xefes de turismo, que se celebrarán no Parador de Alcalá este outono”, engadiu Rodríguez Osuna, quen tamén destacou “a importante colaboración de Paradores na Noite do Patrimonio, o evento cultural por excelencia nas nosas cidades, que se celebra o vindeiro sábado 18 de setembro”.

Pola súa banda, o presidente de Paradores, Óscar López, subliñou a potencia dunha alianza “coa que nos adiantamos para reactivar o turismo seguro e de calidade no mercado nacional. Agora damos un paso máis, xusto cando é o momento perfecto para dar o salto á promoción internacional, cunha proposta na que Cidades Patrimonio e Paradores mostramos ao mundo o mellor de España: a nosa historia, a nosa cultura e a nosa gastronomía. Convido a todos a gozar das Cidades Patrimonio e de Paradores, unha cadea certificada co selo do ICTE de turismo seguro”.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España ten como obxectivo actuar de maneira conxunta na conservación, a posta en valor e a promoción turística das 15 cidades españolas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Once cidades do Grupo (Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Mérida, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia, Toledo e Úbeda) contan cun Parador de Turismo e está en fase de construción o Parador de Eivissa, no castelo de Dalt Vila.

Relacionadas

Tres creadoras coruñesas, protagonistas da actividade central do Concello polo Día do Libro

0
Bibiana Candia, Lucía Cobo e María Reimóndez achegaron as súas experiencias sobre a construcción literaria na mesa redonda “A Coruña, cidade de libro” Preto de...

O Concello de Neda premia un ano máis aos mellores lectores e lectoras da...

0
A Biblioteca municipal de Neda celebra o Día Internacional do Libro distinguindo, como vén sendo habitual, aos socios e socias que destacan pola cantidade...

‘Rostros que fan cidade’ poderá verse durante ata o 12 de maio no Pazo...

0
• A través de 40 retratos e confesións sobre a importancia dunha contorna inclusiva #ante a soidade non desexada, o proxecto CRECE fai unha...

O alumnado da Escola Infantil “A Galiña Azul” celebrou o Día do Libro na...

0
A iniciativa enmárcase no programa municipal do Mes do Libro. Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, esta mañá máis de...

As bibliotecas de Carballo acadaron o ano pasado os 22.309 préstamos e gañaron 679...

0
Coincidindo co Día do Libro presentamos os tres servizos que dependen da área de Bibliotecas e Arquivos cun vídeo protagonizado polo persoal que os...

Suplantan ao Concello para intentar enganar ás persoas maiores cunha reunión que non existe

0
O Concello de Oleiros quere informar que non convocou ningunha reunión para as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Non existe tal...

Publicacións Relacionadas