A programación das últimas semanas incluíu unha sesión con AFABER e visitas a Íntegro e á Casa do Maior de Erbecedo. A campaña de control da tensión e do azucre chegou este mércores a Coristanco con 122 participantes
As alumnas-traballadoras da especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro Dual de Emprego Lubiáns II continúan cunha intensa programación que combina a aprendizaxe na aula, o contacto con profesionais e entidades do sector e o desenvolvemento de actividades de utilidade social. Nas últimas semanas tiveron a oportunidade de coñecer diferentes modelos de atención e recursos de apoio, cun obxectivo común: avanzar nunha atención centrada nas persoas, nas súas necesidades e na súa autonomía.
No centro de formación Fórum Carballo recibiron a visita da terapeuta ocupacional e da traballadora social de AFABER, que achegaron ao alumnado a realidade das persoas que conviven coas demencias. Durante a sesión coñeceron o traballo da entidade en materia de sensibilización, orientación, divulgación e prevención, e afondaron nos diferentes tipos e graos de demencia, no diagnóstico e nos factores de risco.
O encontro permitiu abordar tamén o papel das persoas coidadoras, a carga que soportan no día a día e a necesidade de ofrecerlles apoio e acompañamento. Ademais, as alumnas coñeceron as funcións da xerocultora dentro da entidade e a súa contribución á atención e ao benestar das persoas usuarias.
Autonomía persoal e inclusión
A formación continuou cunha visita a Íntegro para coñecer de primeira man o labor da entidade no ámbito da diversidade funcional e da inclusión social. As alumnas achegáronse ao funcionamento do centro ocupacional, do centro de día e do proxecto de economía circular Diversiplás, así como ás actividades, programas e apoios que favorecen a autonomía, o desenvolvemento e a participación das persoas usuarias.
Durante o percorrido puideron observar como se deseñan actividades adaptadas ás capacidades, necesidades e intereses de cada persoa, e coñecer o papel dos equipos profesionais no seu acompañamento. A experiencia permitiulles conectar os contidos da aula coa realidade do traballo sociosanitario.
Outra das saídas formativas tivo como destino a Casa do Maior de Erbecedo, en Coristanco, onde coñeceron as instalacións, o funcionamento e o día a día deste espazo de convivencia e coidado. O recurso, que funciona como cooperativa, acolle dez persoas usuarias atendidas por dúas coidadoras e ofrece unha atención próxima e familiar, centrada nas persoas e no envellecemento activo.
122 participantes na primeira xornada en Coristanco
Xunto con estas actividades, as alumnas-traballadoras continúan desenvolvendo a campaña de control da tensión arterial e dos niveis de azucre. Despois de atender a 1.785 persoas durante as catro xornadas celebradas en setembro en Carballo, este mércores 7 de outubro iniciaron as revisións en Coristanco, con 122 participantes. A próxima sesión terá lugar o día 21 de outubro.
A iniciativa combina a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos cun servizo á veciñanza e coa sensibilización sobre a importancia dos controis periódicos.
Desde o Concello de Carballo agradécese a colaboración das entidades e a implicación do alumnado e do equipo do obradoiro nunha formación que se enriquece co contacto directo coas persoas e coa realidade profesional.

