A programación arrinca este sábado 7 co concurso de comparsas de música e letra, presentado por David Amor
Do 13 ao 16 de febreiro haberá festas e obradoiros infantís nos centros cívicos da cidade
Os Kilomberos de Monte Alto serán homenaxeados no Andar do Antroido
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este martes a imaxe e a programación do Antroido da Coruña deste ano 2026. Continúase coa temática aberta o pasado 2025 e o cartel destas festas volve a estar dedicado ao choqueiro ou choqueira do ano, neste caso choqueiras. Este ano o recoñecemento foi para Bego e Isa. Xunto á alcaldesa, descubriron esta mañá o cartel nun acto en María Pita, onde tamén participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, así como representantes das diferentes comparsas da cidade.
“Volvemos a poñer en valor todo o traballo realizado polas comparsas para esta festa ao tempo que recoñecemos os rostros máis populares do Antroido coruñés”, expuxo Inés Rey.
A alcaldesa destacou que Bego e Isa “representan á perfección o noso antroido choqueiro, no que con moi pouco pasámolo ao grande”.
Begoña Mosquera é docente no CEIP Curros Enríquez. Natural de Monte Alto é sobriña dun dos ilustres persoeiros do antroido coruñés: Canzobre. Isabel Sánchez rexenta un comercio na zona de Orillamar e é coruñesa de adopción. Disfrázase de choqueira desde os 12 anos.
Xuntas son coñecidas polas comparsas como “as toliñas” e teñen un amplo repertorio de disfraces, como axentes tributarios ou xuices.
Inés Rey quixo agradecer durante o acto o traballo que fan durante todo o ano as diferentes comparsas da cidade. “Sen elas e sen a súa dedicación ano tras anos non sería posible que esta celebración fose unha das nosas señas de identidade”, indicou
Extensa e diversa programación municipal
A alcaldesa tamén repasou durante a presentación do Antroido a programación municipal, que arrinca este sábado 7 de febreiro e remata o vindeiro sábado 21. O Palacio da Ópera acollerá o sábado a partir das 18.00 horas o concurso de comparsas, na modalidade de música e letra. Os convites estarán dispoñibles este mércores a partir das 11.00 horas no despacho de billetes da praza de Ourense e o propio sábado, en caso de quedar localidades dispoñibles, na propia billeteira do auditorio. A gala será presentada por terceiro ano consecutivo por David Amor. A comparsa gañadora actuará no acto de entronización do Deus Momo, do vindeiro venres 13 no Campo da Leña e na atalaia de San Roque. Este ano, tal e como explicou a alcaldesa, trasladaranse parte dos festexos do Obelisco á contorna do Campo da Leña, debido ao desenvolvemento das obras de renovación dos Cantóns. Por outra banda, o concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas será o sábado 14 de febreiro a partir das 18.00 horas. En total, hai 22 comparsas e agrupacións inscritas no desfile e outras oito que participarán no concurso de música e letra deste sábado. O Concello repartirá entre este dous e os que se celebran o Martes de Antroido ata 50 premios, cun importe que chegará aos 20.000 euros. Habrá en María Pita e nas rúas da súa contorna unha actuación musical de Farra Fanfarra durante a celebración do desfile.
O Castelo de San Antón tamén se sumará á programación municipal do Antroido cunha visita guiada e obradoiros tanto para público infantil e adulto o sábado 14 de febreiro. Todas as actividades son gratuítas previa inscrición a partir do mércores 4 de febreiro ás 10.00 horas.
A visita guiada será ás 12.00 horas, terá 25 prazas e durará hora e media. A inscrición será a través do teléfono 981 189 850. O obradoiro infantil ‘As cores do antroido’ descubrirá a nenos e nenas de 6 a 12 anos a orixe e evolución desta celebración en Galicia e permitiralles crear as súas propias máscaras tradicionais. Será ás 11.45 horas e haberá 20 prazas. Por último, tamén haberá un obradoiro para adultos, a partir de 16 anos, que levará por nome
‘Lupercales: segredos dunha festa romana’. Será ás 17.00 horas e haberá un total de 15 prazas.
O xoves 12 farase unha homenaxe a Ángeles Alvariño o Xoves de Comadres, cun acto no Arquivo Histórico Municipal de Durán Loriga que lembrará a figura da recoñecida científica.
O Antroido nos barrios
O Antroido coruñés vivirase tamén moi intensamente nos barrios, con celebracións pensadas para os máis pequenos nos centros cívicos, onde haberá obradoiros infantís e festas de disfraces do 13 ao 16 de febreiro. Celebraranse en San Pedro de Visma, Novo Mesoiro, Cidade Vella, Palavea, San Diego, Santa Lucía, Feáns, Castro de Elviña, Monelos, Monte Alto, Os Rosales, Eirís, Labañou, Os Mallos, Artesáns, Pescadores, A Silva, Sagrada Familia, Novoboandanza e O Castrillón.
As persoas interesadas en asistir poderán informarse e inscribirse a partir deste mércores 4 nos propios centros cívicos. Levaranse a cabo obradoiros de confección de máscaras e caretas, así como colares e e outros accesorios vinculados ao antroido. Nas festas infantís haberá monitores/as que levarán a cabo xogos coas persoas participantes. Tanto festas como obradoiros están destinados a nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade.
Martes de Antroido
Sen dúbida, o dia forte será o Martes de Antroido, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre, onde se celebrarán os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Nestes concursos, como sempre, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira presencial o propio martes. Haberá, ademais, unha actuación musical de Chekan ás 21.00 horas para pechar a xornada na rúa da Torre.
Tamén o martes de Antroido Isa e Bego serán protagonistas coa colocación da súa placa de choqueira do ano na rúa de San Xosé, nun acto que se celebrará ás 13.30 horas. Este ano, o Andar do Antroido renderá homenaxe aos Kilomberos de Monte Alto coa colocación dunha nova lousa na súa honra na contorna das rúas da Torre, San Xosé e San Xoán.
Como todos os anos, o Antroido coruñés renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Nito, Cantero, Canzobre ou Palau. Tamén se celebrarán distintos concursos de filloas e orellas. De novo, o Circo de Artesáns será lugar onde se vele á sardiña, que o mércores 18 será levada en procesión ata San Amaro para poñer fin ás celebracións.
Ademais, un ano máis, haberá Puntos Violeta tanto o sábado 14 como o martes de Antroido, días de maior participacións nos eventos programados así como de afluencia ás zonas de ocio nocturno da cidade. Serán espazos informativos nos que se poderá alertar de posibles condutas machistas e que estarán en contacto cos equipos de seguridade do dispositivo especial do Antroido, coordinado desde a área de Seguridade Cidadá do Concello.



