§ Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Mila Castro mantiveron unha reunión co Comité de Empresa da aeroliña na que compartiron a incerteza das 120 traballadoras e traballadores de terra que temen un ERE
§ Piden a Xunta e Estado que busquen alternativas e reclaman tamén ao goberno local que “traballe activamente” na captación de novas operadoras
Arredor de 120 traballadoras e traballadores de Ryanair que operan en terra poderían perder o seu emprego nas vindeiras semanas logo do peche da base da aeroliña irlandesa en Santiago de Compostela. Así o denunciaron este martes as concelleiras non adscritas de Santiago, logo de manter unha reunión co Comité de Empresa. Mercedes Rosón, Mila Castro e Gonzalo Muíños aseguraron compartir a preocupación do persoal e reclaman unha resposta política ante esta situación, adiantando a súa intención de impulsar unha declaración institucional.
Muíños denunciou a “incerteza” na que se atopa o persoal, xa que “non teñen comunicación coa empresa e só saben que a partir do un de novembro se reducirán de 100 a 15 os voos semanais do Rosalía de Castro”. Neste sentido, explica que a plantilla está pendente de que o 26 de outubro poidan recibir unha comunicación oficial por parte da operadora que xa recolocou a 135 operadores de voos -entre azafatas e pilotosnoutros aeroportos. Fronte isto, quedan 120 traballadores pendentes da decisión da operadora xa que, coa supresión da base en Santiago, o de Lavacolla pasará a ser un aeroporto de destino “o que implicaría o despido destas persoas a través dun ERE, que é o que temen”.
“Nós temos claro que representamos á clase traballadora e reclamamos ás administracións competentes, Estado e Xunta, que busquen alternativas” reclamou Muíños que apuntou ademais que estas pasarían “necesariamente” por negociar coa aeroliña irlandesa e mellorar as condicións “ou buscar novas operadoras que, de asentarse en Santiago, precisen incrementar persoal e poidan ser alternativa tamén para estes traballadores”.
As concelleiras non adscritas reclaman tamén ao goberno local que “traballe activamente” neste proceso de captación de operadoras e que impulse medidas que fagan do Rosalía de Castro un aeroporto “máis atractivo e competitivo”. Propoñen, por exemplo, o deseño de campañas de promoción nos destinos emisores. Ademais, piden a convocatoria do Comité de Coordinación Aeroportuaria, para avanzar nunha estratexia conxunta dos tres aeroportos galegos. Sobre isto último, a concelleira Mercedes Rosón xa reclamaba no mes de xuño a súa convocatoria, logo de que nos meses previos ao verán se anunciara tamén un recorte de plantilla en Ryanair así como nas conexións ofertadas por outras operadoras, como Iberia.
“Estamos preocupados polo futuro destes máis de 100 traballadores, e polo impacto que, a perda de influencia do noso aeroporto, vai ter noutros sectores produtivos” aseguraba Muíños apuntando ao sector empresarial e o sector turístico como principais prexudicados por esta situación.