As delegadas territoriais da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e A Coruña, Belén do Campo, xunto ao xerente do Sergas, José Ramón Parada, participaron esta mañá no auditorio de Ferrol no XVII Encontro Médico que organiza o colexio profesional da provincia da Coruña por primeira vez na cidade naval.
No transcurso do evento, rendeuse homenaxe ao doutor José Pedrouzo, falecido o pasado xuño antes de recibir a Medalla de Ouro e Brillantes da institución colexial do que a delegada da Xunta en Ferrol destacou “a calidade humana, dun compañeiro comprometido coa súa profesión e con quen tiven o pracer de compartir bancada como concelleiro na corporación municipal”.
José Pedrouzo desenvolveu a súa carreira profesional como especialista en Cardioloxía e Medicina Interna, ademais de exercer como perito xudicial, funcionario do Corpo de Forenses e xefe de Atención Primaria do centro de saúde de Serantes (Ferrol), entre outros cargos.
No acto que precedeu a un almorzo de confraternidade dos asistentes, rendeuse ademais un tributo póstumo ao histórico editor e presidente do xornal La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, e procedeuse á entrega das insignias e títulos de colexiados de honor e honoríficos aos médicos máis veteranos e aos xubilados no último ano.



