HomeA CoruñaAs fotos ganadoras do XIX Premio Internacional de fotografía "Luís Ksado" estarán...

As fotos ganadoras do XIX Premio Internacional de fotografía “Luís Ksado” estarán ata o 25 de marzo na Casa da Cultura de San Sadurniño

- Anuncio -spot_img

A exposición itinerante do premio Luís Ksado da Deputación da Coruña acaba de chegar a San Sadurniño. Desde o pasado luns e ata o día 25 de marzo poderemos gozar no recibidor da Casa da Cultura da escolma I gotta change, do fotógrafo madrileño Juan de la Quintana, ganador do premio en 2025, pero tamén das imaxes que quedaron finalistas, presentadas ao certame provincial por Carlos Folgoso, Raquel López, Stephane Lutier e Miguel Muñiz. A mostra do XIX Luís Ksado chega ao noso concello no momento en que permanece aberto o prazo de presentación de fotografías para a 20ª edición. As fotógrafas e fotógrafos interesados teñen ata o 29 de maio para enviar as súas coleccións.

O último Luís Ksado recoñece o traballo do fotógrafo madrileño Juan de la Quintana coa serie titulada I gotta change, onde aborda “con sensibilidade e rigor” a cuestión da saúde mental. O xurado destadou “o carácter contemporáneo” da proposta gañadora, que explora “a vulnerabilidade das persoas retratadas e constrúe un discurso visual que outorga a mesma relevancia aos rostros que aos espazos que os rodean”.

Segundo informa a área de Cultura da Deputación da Coruña, a serie “afástase da dramatización habitual nestes temas e aposta por escenas cotiás e iluminación natural, acentuando a asincronía entre a experiencia persoal e a aparente normalidade”.

Na deliberación final, o xurado tamén acordou conceder unha mención de honra á serie L’orta sud, de Óscar Corral, fotoxornalista galego galardoado co Premio Ortega y Gasset 2025, que trata os efectos da DANA “a través dunha linguaxe visual sutil e simbólica, capaz de superar o enfoque puramente informativo habitual neste tipo de acontecementos”.

No XIX Luís Ksado quedaron finalistas as series Metamorfosis, As leccións esquecidas, Sitio aparte do mundo e Entre el tiempo y el sabor, el mar, una memoria visual, dos fotógrafos Carlos Folgoso; Raquel López; Stephane Lutier e Miguel Muñiz. Estas propostas, xunto coa gañadora e a mención de honra, forman parte da exposición itinerante que recalou esta semana no recibidor da Casa da Cultura de San Sadurniño, onde permanecerá até o próximo día 25.

En prazo para presentarse ao XX Luís Ksado
A Deputación da Coruña convoca este certame co obxectivo de fomentar as artes da imaxe e honrar a memoria do fotógrafo Luís Casado Fernández. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de idade interesadas na fotografía, sempre que non resultasen premiadas en edicións anteriores nin presenten obras xa galardoadas noutros certames. As series presentadas deben encadrarse no ámbito do fotodocumentalismo, o fotoperiodismo ou a reportaxe, quedando estrictamente prohibido o uso de montaxes, manipulación dixital ou intelixencia artificial.

O premio conta cunha dotación económica única de 6.500 € (suxeita a retencións fiscais), que o xurado poderá declarar deserto ou conceder de forma compartida (ex aequo). As obras candidatas deben enviarse por correo postal baixo o sistema de plica para garantir o anonimato, incluíndo unha colección de entre 6 e 12 fotografías en formato 30 x 40 cm.

Ademais do premio principal, a Deputación poderá seleccionar obras non premiadas para unha exposición itinerante e un catálogo, abonando 500 € a cada autora ou autor seleccionado en concepto de indemnización pola cesión temporal.

Respecto ao calendario, o prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o 29 de maio de 2026. Toda a documentación, que inclúe o sobre coas fotografías e o sobre cos datos persoais e a declaración responsable, deberá remitirse á sede da Deputación na Coruña. Un xurado de recoñecido prestixio será o encargado de avaliar a calidade e orixinalidade das series antes de facer pública a resolución no Boletín Oficial da Provincia.

Publicacións Relacionadas