HomeA CoruñaAs mulleres do BNG de Bergantiños secundan a concentración convocada pola plataforma...

As mulleres do BNG de Bergantiños secundan a concentración convocada pola plataforma “Feminismo en pé” en Ponteceso

- Anuncio -spot_img

A Asemblea de Mulleres do BNG de Bergantiños sairá á rúa este 25 de novembro para poñer de manifesto que a violencia machista segue forte na nosa sociedade, como mostra da vixencia do sistema patriarcal, e para demandar da Xunta de Galiza a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM. As reivindicacións das mulleres nacionalistas escoitaranse na Praza do Recheo de Ponteceso, na concentración convocada pola plataforma Feminismo en pé para as 20.00 horas, pero tamén nos salóns de plenos dos concellos da comarca nos que o BNG presentará unha moción sobre a necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista no contexto actual de crise de prezos e de rearme do machismo.

Entre os recursos máis importantes cos que conta o noso país están os Centros de Información ás Mulleres, cunha rede importante mais que aínda arrastra carencias como a falta de cobertura ao longo do territorio ou a insuficiencia dos cadros de persoal. Se ben os CIM son de titularidade municipal, a Xunta de Galiza delimita os requisitos que deben cumprir para a súa creación, os seus principios de actuación e as súas funcións, entre outros, e tamén contribúe ao seu financiamento a través de convocatorias anuais en réxime de subvención.

A respecto do financiamento, a Xunta de Galiza estabelece unha contía total máxima de axuda que se pode conceder ao abeiro do Programa de apoio aos CIM e que é de 45.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

Este tope máximo limita de facto o cadro de persoal e os perfís profesionais dos que dispoñen a maior parte dos CIM así como o seu orzamento, tal e como sinalou a FEGAMP no seu primeiro Informe sobre a acción dos concellos galegos. Estas limitacións orzamentarias, en canto á achega da Xunta de Galiza e as dificultades dos concellos de incrementar as súas achegas, deriva en que o groso dos recursos económicos vaian dirixidos ao pagamento do persoal e dos custes de mantemento dos centros mentres que apenas o 5% se destina a accións de prevención e promoción da igualdade.

Galiza é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, e de importantes mobilizacións, como amosa a cada vez maior resposta aos feminicidios en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo. Neste contexto, aínda que temos avanzado, queda moito por facer e estamos nun momento histórico de ameazas de retroceso en materia de igualdade. Polo tanto, é necesario dar un paso máis fortalecendo un instrumento coma os CIM. Este é un chanzo necesario para garantir a igualdade de opcións e trato das galegas ao longo do territorio, para avanzar na profesionalización e na mellora da atención e para prever e intervir ante as necesidades actuais.

Publicacións Relacionadas