Máis dun cento de persoas participaron na tarde/noite de onte martes nunha nova edición das Noites Astronómicas que cada ano organiza o Concello de Boqueixón en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela. Unha actividade gratuíta que tivo lugar nun dos mellores puntos de observación astronómica da comarca: o Pico Sacro.
O tempo acompañou, non so cunhas temperaturas agradables senón sobre todo cun ceo despexado que, unido á ausencia de contaminación lumínica na contorna do Monte Ilicino, permitiu que a observación se desenvolvera nas mellores condicións. Así o puxo de manifesto o alcalde, Ovidio Rodeiro, quen agradeceu a participación da xente e convidounos a volver polo Pico Sacro este verán, ben a través das visitas guiadas nas fins de semana, ben participando o próximo 17 de agosto na Ruta polo patrimonio oculto de Boqueixón. Unha iniciativa gratuíta incluída no programa “Correntes do Ulla”, organizado polos concellos de Boqueixón e Vedra, que terá lugar de 10:30 a 13:30 horas pola contorna do Pico Sacro.
A observación astronómica estivo dirixida por José Ángel Docobo, catedrático emérito de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Tras unha primeira observación das distintas constelacións sen necesidade de ningún tipo de instrumento, as persoas presentes tiveron a ocasión de achegarse ata dous grandes telescopios desprazados polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller para contemplar a lúa, a estrela polar, a osa maior…
As Noites Astronómicas 2025 é unha iniciativa do Concello de Boqueixón e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Universidade de Santiago de Compostela e Óptica Val.