• A iniciativa sobre Fly2Galicia, aprobada a pesar da abstención de BNG, CA e PP, reclama transparencia sobre as xestións realizadas polo Concello e insta a AENA a revisar a autorización da operativa.
• A proposta asinada por Gonzalo Muíños para conceder a Medalla de Ouro da cidade ao mérito deportivo a Borja Iglesias foi asumida como Declaración Institucional por toda a Corporación.
As concelleiras Non Adscritas conseguiron este xoves o respaldo do Pleno ás súas iniciativas sobre Fly2Galicia e o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Lavacolla, dous dos asuntos de maior relevancia política da sesión.
A proposición defendida por Mercedes Rosón para reclamar transparencia sobre as xestións realizadas polo Concello con Fly2Galicia saíu adiante a persar da abstención de BNG, Compostela Aberta e Partido Popular. O acordo obriga ao Goberno municipal a facilitar á Corporación a documentación relativa aos contactos mantidos coa operadora ou, no caso de non existir un expediente específico, un informe asinado polo departamento responsable; a activar un servizo de asesoramento para as persoas afectadas a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, así como a petición ao Goberno do Estado para que, a través do Ministerio de Transportes e AENA, revise con carácter de urxencia a autorización da operativa.
A aprobación da proposición produciuse despois da comparecencia da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, solicitada polo propio Goberno municipal para explicar as xestións realizadas arredor da operativa. Mercedes Rosón, que mantivo silencio durante a comparecencia como protesta pola alteración da orde do día, recuperou a palabra ao chegar o momento de debater a súa proposición.
“Rematou o silencio, pero seguirá a incomodidade”, sinalou a concelleira Non Adscrita, que cuestionou durante a súa intervención as explicacións ofrecidas polo Goberno municipal e reclamou que as xestións realizadas durante meses queden acreditadas documentalmente.
A concelleira denunciou que alterar a orde dos asuntos para situar a comparecencia antes da proposición permitiu ao Goberno municipal fixar primeiro o seu relato sobre Fly2Galicia e deixar para despois unha iniciativa que obrigaba á Corporación a votar acordos concretos.
“Unha comparecencia é un monólogo sen votación; unha proposición obriga a adoptar acordos con forza xurídica e política”, sinalou Rosón, que advertiu do risco de que a modificación da orde do día se converta nun precedente para que futuras alcaldesas ou alcaldes poidan ordenar os debates plenarios en función dos seus intereses.
Rosón subliñou ademais que as Non Adscritas non abandonaron o Pleno nin retiraron a súa iniciativa. “Quería unha oposición enmudecida, e aquí a ten”, afirmou durante a súa primeira quenda, reservando a súa intervención para o momento no que correspondía debater e votar a proposición.
“Unha neglixencia política lamentable”
Rosón situou no centro do debate a contradición entre as explicacións ofrecidas polo Goberno municipal sobre o seu papel na posta en marcha da operativa. Ao seu xuízo, existen “dúas opcións” que deben ser aclaradas coa documentación correspondente: que o Concello estivese durante meses traballando coa operadora, como recoñeceu publicamente o propio Executivo, ou que esas xestións non se producisen na dimensión trasladada á opinión pública.
“Vostedes dixeron a verdade, estiveron meses traballando, pero non foron capaces nin de poñer o nome do promotor da iniciativa en Google para saber do fracaso dunha operativa similar en Zaragoza; ou dúas, vostedes mentiron, non axudaron a nada e non traballaron durante meses”, afirmou. Por iso, reclamou que sexan os informes e a documentación municipal, e non as declaracións públicas, os que permitan coñecer exactamente que actuacións se realizaron.
A concelleira cuestionou tamén o argumento do Goberno municipal de que non existiu apoio económico á iniciativa. “É que o tempo do persoal técnico de Incolsa non se paga con cartos públicos?”, preguntou, en referencia aos meses de traballo e ás xestións realizadas pola empresa municipal no marco da operativa.
Neste sentido, cualificou de “neglixencia política lamentable e imperdoable” a actuación do Goberno municipal e cuestionou tamén o argumento de que non existise respaldo institucional á iniciativa. “Dinnos que non avalaron o proxecto porque non houbo rolda de prensa conxunta. Pero cando a prensa publicou a operativa, o Goberno confirmou publicamente que levaba meses colaborando man a man con eles”, sinalou.
Mila Castro reclama o arquivo do PIA de Lavacolla
Tamén saíu adiante a proposta defendida por Mila Castro sobre o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Lavacolla, que contou co voto favorable de toda a Corporación agás o Partido Popular, que se abstivo.
A iniciativa reclama o arquivo do procedemento excepcional e defende que calquera eventual desenvolvemento destes terreos se tramite mediante o procedemento urbanístico ordinario previsto no PXOM. A proposta tamén demanda garantir a protección dos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos da contorna.
Castro deixou claro durante o debate que as Non Adscritas non cuestionan a necesidade de incrementar o solo industrial de Santiago, senón a localización e o procedemento formulados para Lavacolla. “Nós por suposto que queremos máis industria, pero non alí e non así”, afirmou.
Neste sentido, reclamou que a necesidade de novo solo industrial se atenda a través dos terreos públicos xa previstos para este fin, citando expresamente o SUND-29 e a ampliación da Sionlla. “Non ten sentido poñer en risco unha contorna como Sabugueira cando Santiago ten outros solos industriais públicos que deben ser planificados e desenvolvidos”, sinalou.
A concelleira tamén reclamou ter en conta a oposición da veciñanza de Sabugueira e as cuestións ambientais, patrimoniais, urbanísticas e de subministración que, segundo defendeu, presenta o proxecto. Entre elas, referiuse ao impacto sobre a contorna do Camiño Francés, ao Regato do Cobo, ás necesidades de auga e ás características da rede viaria prevista.
Castro advertiu ademais de que o procedemento excepcional do PIA non debe empregarse para substituír a planificación urbanística municipal ordinaria. “Aquí ou se representa o interese da veciñanza ou se representan outros intereses. Eu teño claro o que nós representamos”, afirmou.
O PP rexeita as emendas das Non Adscritas sobre a situación humanitaria en Ceuta
As Non Adscritas presentaron unha batería de emendas á proposición do Partido Popular sobre Ceuta para introducir no acordo cuestións que, segundo defendeu Mila Castro, deberían ser prioritarias ante a situación dos menores non acompañados. A concelleira puxo como exemplo o caso dun neno de nove anos que chega só, chorando e preguntando pola súa nai, e cuestionou que o debate se centre exclusivamente na soberanía e na integridade territorial mentres queda nun segundo plano a situación das persoas menores de idade. “Que lle dicimos a ese neno? Que é un invasor?”, preguntou Castro, que reclamou unha resposta desde a protección da infancia e o cumprimento da legalidade.
Entre as emendas figuraba a petición de que o presidente do Goberno liderase a situación como unha cuestión de Estado e convocase con carácter de urxencia a Conferencia de Presidentes, acompañada dun fondo estatal extraordinario, estable e plurianual para facer fronte aos custos de atención aos menores non acompañados. Tamén se reclamaba á Xunta e ao resto das comunidades autónomas que actuasen con lealdade institucional na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, fronte a argumentos como que cada territorio está “ao límite”, e que o Goberno de Ceuta habilitase espazos públicos para garantir unha acollida digna e facilitar o traballo da Policía e da Fiscalía na determinación da idade e filiación dos menores.
As emendas incluían ademais o compromiso expreso co interese superior do menor, coa Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno e coa Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor, así como o rexeitamento das devolucións colectivas contrarias á legalidade. Castro lamentou que o PP rexeitase todas estas propostas. “Montaron un mitin partidista contra Moncloa”, afirmou, sinalando que a iniciativa podería ter sido abordada desde o “sentido de Estado” se incorporase medidas concretas para responder á situación. “A solidariedade con Ceuta non se resolve con propaganda”, engadiu.
A concelleira Non Adscrita reivindicou que, por enriba de calquera clasificación ou consideración política, as persoas afectadas pola situación son seres humanos. “Que non terían que estar alí? Bueno, pero están. E hai que ocuparse deles”, afirmou, advertindo de que non se pode deixar ás persoas que chegan a Ceuta “deambulando polas rúas sen ter onde durmir ou que comer”, porque esa situación tamén alimenta a inseguridade e o malestar da propia cidadanía ceutí. “Como en case todas as policrises que vivimos nos últimos anos, a única saída é a cooperación, a lealdade institucional, a legalidade e a humanidade. Nunca o será a demagoxia co sufrimento de persoas desesperadas”, concluíu. Ante o rexeitamento das súas emendas, as Non Adscritas optaron finalmente pola abstención.
Borja Iglesias, Medalla de Ouro da cidade
Por outra banda, a proposta asinada por Gonzalo Muíños para conceder a Medalla de Ouro de Santiago ao mérito deportivo a Borja Iglesias foi asumida finalmente por toda a Corporación como Declaración Institucional.
A iniciativa recoñece a traxectoria deportiva do futbolista compostelán e a súa vinculación coa cidade, así como os valores asociados á súa figura e á súa dimensión pública.
Outras cuestións levadas ao Pleno
No apartado de control, Gonzalo Muíños preguntou polo prazo que manexa o Goberno municipal para rematar o expediente e elevar ao Pleno a asunción da xestión directa por parte de TUSSA dos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo.
O concelleiro reclamou avanzar cara á xestión pública directa destes equipamentos e pediu explicacións sobre os prazos previstos polo Executivo municipal para completar a tramitación.
Pola súa banda, Marta Álvarez reclamou ao Goberno municipal avanzar nos traballos de poda e coidado da arborado da cidade, co obxectivo de garantir o mantemento adecuado das árbores e espazos verdes municipais.

