Buscarase unha segunda data sempre que as/os artistas poidan e daráselle ao público a opción de reclamar a devolución das localidades xa adquiridas
As novas medidas restritivas acordadas onte polo Comité Clínico da Xunta de Galicia obrigan o Concello a cancelar toda a actividade cultural da cidade que estaba programada nas seguintes tres semanas. No caso dos espectáculos do IMCE, tratarán de reprogramalos no calendario coa finalidade de manter a actividade cultural da cidade, salvo que as e os artistas non poidan, casos en que optarían por ofrecerllos ao público vía streaming. Neste aspecto, parouse a venda de entradas para todas as montaxes, até definir en que formato se poderán desfrutar.
As localidades que xa están adquiridas serán válidas para as novas datas mais, paralelamente, abrirase unha canle de devolución para aquelas persoas que non poidan ou non queiran asistir aos eventos.
En concreto, as citas afectadas polas restricións actuais son: o Documental do mes, programado para o 2 de febreiro no Centro Ágora; e o recital que tiñan previsto dar Rodolfo Häsler e Xesús Rábade dentro do ciclo Poetas Di(n)versos o 8 de febreiro, tamén en Ágora. No Coliséum, posporanse os concertos dos programas 11 e 12 da OSG dos días 29 de xaneiro e 5 de febreiro e no Fórum Metropolitano verase afectada a obra “Salvador”, do ciclo Sen Numerar, que estaba prevista para este venres, así como o cine pensado para as xornadas dos días 28, 29 e 30 de xaneiro, en que se ían proxectar os filmes “Chappaquiddick” e “Familia sumergida”.
O Teatro Colón aprazará o concerto que Clunia ía protagonizar este venres con motivo do 40 aniversario do Jazz Filloa até o 30 de abril, coincidindo co Día Internacional do Jazz; e “Noites de Retranca”, previsto para este sábado, pasará ao 20 de marzo. Para “Rock en familia: Descubrindo a Mecano” confirmarán unha segunda data nos vindeiros días.
Pola súa parte, o Teatro Rosalía Castro comunicará proximamente as peculiaridades de cada un dos seus espectáculos. Pecharán as súas portas os museos e as salas de exposicións e cancelarase toda a actividade da rede de bibliotecas, que, a súa vez, reforzará os seus programas en liña.
Para se adaptar ás novas restricións da Xunta, o IMCE modifica a partir de mañá o horario do despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense, en que se atenderá o público de luns a xoves, de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas e os venres, de 10.00 a 15.00 horas. Durante mañá e o sábado, o servizo trasladarase aos despachos de billetes do Teatro Rosalía, debido ás obras que se realizarán na instalación.