HomeA CoruñaA CoruñaAs obras de construción da nova pista multideporte da Urbanización Breogán arrincarán...

As obras de construción da nova pista multideporte da Urbanización Breogán arrincarán a semana que vén, cun investimento de 270.000 euros

- Anuncio -spot_img

No que vai de ano, o Concello xa habilitou outras dúas instalacións deste tipo nos Rosales e a Silva, creando espazos propios en ambos os barrios para fomentar a práctica deportiva e a vida activa

O Plan de Mellora das Instalacións Deportivas arrinca coa construción da nova pista multideporte na Urbanización Breogán, unha instalación ao aire libre que se executará na contorna da rúa Antonio Casares Rodríguez, sendo o primeiro equipamento público deste tipo que se habilita no núcleo residencial.

Os traballos, que suporán un investimento de máis de 270.000 euros, levaraos a cabo a empresa Citanias Obras y Servicios, a mellor puntuada nunha fase de concurso que contou con catro ofertas. Un dos aspectos que máis se valorou foi o incremento dun ano no prazo de garantía xeral das obras, con respecto ao indicado nos pregos.

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que o proxecto da pista foi exposto á veciñanza do núcleo a finais de novembro do ano pasado, sendo o primeiro paso de cara á apertura dos trámites administrativos necesarios para iniciar as obras, que terán un prazo de execución de seis meses nada máis se poñan en marcha, a inicios da semana que vén.

A futura pista permitirá a práctica de múltiples disciplinas deportivas tanto de forma independente como simultánea. Ademais, a instalación contará cun peche perimetral e tamén cun moderno sistema de iluminación.
“Imos, paso a paso, dando cumprimento ás demandas e necesidades da Urbanización Breogán. Meses atrás actuamos na rúa Félix Rodríguez de la Fuente e xa se licitaron as melloras de saneamento previstas en Vicente Vázquez Queipo. A isto súmase, por suposto, esta nova pista multideporte que se construirá nunha parcela municipal, un aspecto que tamén simplificou os trámites en termos urbanísticos”, apuntou Rey.

Máis equipamentos deportivos nos barrios

Ao longo deste último ano, e ao abeiro da primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, o Goberno de Inés Rey vén dando un pulo á renovación e construción de equipamentos de usos múltiples, de ocio e de lecer nos diversos distritos da cidade.

Entre eles, tamén as pistas multideporte, instalacións abertas ao uso da cidadanía e totalmente gratuítas, concibidas para a práctica de diversas disciplinas. Baixo este patrón, nos últimos meses xa se habilitaron dúas novas pistas nos Rosales, a carón da estrada dos Fortes, e tamén na Silva, tras o centro cívico municipal.

Agora, segundo avanzou a alcaldesa esta mesma semana na presentación do Plan de Mellora de Instalacións Deportivas, a previsión do Concello é sumar outros seis equipamentos deste tipo. Un deles, o que comezará a construirse na Urbanización Breogán nos vindeiros días. Os cinco restantes está previsto que se habiliten nos barrios de Monte Alto, Durmideiras, Barrio das Flores, a contorna de Lonzas e tamén entre Catro Camiños e a Cubela.

Publicacións Relacionadas