As Somozas fomenta a conciliación familiar a través de campamentos de verán e de ocio

Redacción

● Levaranse a cabo 3 campamentos, o Campamento de verán do 29 de xuño ao 31 de xullo; o do Centro de Ocio Infantil do 22 de xuño ao 8 de setembro e o de EF Irmandiños do 6 ao 17 de xullo.

● O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destacou o seu compromiso por “aportar alternativas de ocio para a rapazada que axuden ca conciliación familiar durante as vacacións estivais” e animou “ás familias das Somozas a inscribirse nalgunha destas propostas”.

O Concello das Somozas organiza, outro verán máis, diversos campamentos de verán para a rapazada, co obxectivo de axudar coa conciliación familiar durante as vacacións escolares, á vez que os nenos e nenas atopan unha alternativa divertida na que desenvolver relación sociais e educativas.

Campamento de verán 2026
O Campamento de verán, destinado a crianzas nadas entre 2013 e 2021, realizarase entre o 29 de xuño ata o 31 de xullo no Complexo Multiusos das Somozas, en horario de 9:30 a 14:00 horas.

As familias interesadas poderán solicitar unha das 40 prazas de balde ofertadas desde o 10 de xuño ata o 19 de xuño no Rexistro do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén están dispoñibles os teléfonos 981 404 101 ou o 881 042 066 para calquera dúbida ou información.

Esta proposta, financiada polo Plan Corresponsables, busca educar a través do xogo e da diversión, estimulando a creatividade e imaxinación nas crianzas, desenvolvendo as súas habilidades sociais fomentando o traballo en equipo e as súas capacidades creativas, manuais, artísticas, físicas e estéticas.

A rapazada participará en actividades relacionadas ca arte, a cultura, a música, ou o deporte; ademais de excursións e actividades complementarias.

Tras o anuncio, o alcalde Juan Alonso Tembrás destacou que “a posta en marcha deste programa estival reafirma o claro compromiso do goberno local cunha conciliación familiar efectiva e de calidade”. Así mesmo, o rexedor animou á veciñanza das Somozas a sumarse a esta iniciativa, que ofrece unha ampla diversidade de actividades lúdicas deseñadas para o desfrute e o aprendizaxe da rapazada durante o período de vacacións escolares”.

Campamento de verán no Centro de Ocio Infantil

O Concello das Somozas abre, un ano máis, o prazo de inscrición para o campamento de verán do Centro de Ocio Infantil, unha actividade con carácter ocio-educativo que ten como obxectivo facilitar ás familias do municipio a conciliación no período das vacacións escolares de verán.

Durante o transcurso do programa, que vai destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos, realizaranse diversas actividades nas que se incluirán xogos cooperativos, actividades ao aire libre e talleres que fomenten o arte e a creatividade.

O campamento levarase a cabo de luns a venres, no Centro de Ocio Infantil das Somozas, en horario de 9:30 a 13:30 horas entre o 22 de xuño e o 8 de setembro, con prazas limitadas.

As familias interesadas poderán inscribirse, de balde, ata o venres 12 de xuño. As inscricións realizaránse a través da sede electrónica do Concello ou acudindo presencialmente ao rexistro municipais.

Campamento de verán EF Irmandiños

Paralelamente e co obxectivo de fomentar a conciliación, o Concello colabora noutra edición máis do campamento de verán EF Irmandiños 2026, que se levará a cabo nas instalacións do Campo Municipal Manuel Candocia das Somozas do 6 ao 17 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Esta iniciativa multidisciplinar, organizada polo EF Irmandiños en colaboración co Concello, está deseñada para que a rapazada poida practicar diferentes actividades deportivas como fútbol, pádel ou piscina durante a época estival de vacacións.

As prazas son limitadas e poderán inscribirse os nenos/nenas de 6 a 18 anos. Para a rapazada empadroada no Concello das Somozas ou que sexan xogadores/as da EF Irmandiños a inscrición será totalmente de balde. Para o resto de participantes que non cumpran ningunha destas dúas condicións, o custo xeral será de 50 euros por neno/a.

Ademais, aplícase un desconto especial por irmáns, polo que se inscriben a máis dun fillo ou filla, o prezo reducirase a 40 euros por neno/a. O prezo inclúe en todos os casos pack de adestramento, seguro e avituallamento.
Podes acceder ao enlace de inscrición do campamento aquí.

Para facer efectivo o pago das inscricións que teñan custo, débese realizar un ingreso ou transferencia bancaria ao número de conta ES49 0081 2238 4900 0129 2136. O titular da conta destinataria é a ESCOLA DE FUTBOL IRMANDIÑOS e é obrigatorio indicar no concepto o texto: “Campamento EFI 2026”.

Para resolver calquera dúbida ou recibir máis información, as familias interesadas poden poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico efirmandinos@gmail.com.

O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destacou o seu compromiso por “aportar alternativas de ocio para a rapazada que axuden ca conciliación familiar durante as vacacións estivais” así como tamén animou “ás familias das Somozas a inscribirse nalgunha destas propostas, que de seguro que aportarán un espazo divertido e educativo no que a rapazada poderá desenvolver habilidades sociais e aprender valores igualitarios e cooperativos”.

Comparte este artigo