HomeA CoruñaAs Súas Maxestades de Oriente chegarán o día 5 á cidade coa...

As Súas Maxestades de Oriente chegarán o día 5 á cidade coa Danza da Boa Estrela

- Anuncio -spot_img

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar a toda a rapazada de Compostela e arredores que os tres Reis Magos xa están planificando a viaxe e que xa levan unhas semanas en contacto co Concello para organizar a súa chegada na tarde do 5 de xaneiro.

“Xunto á Estrela de Santiago que leva guiando a Cabalgata nestes dous últimos anos, e que tanto lles gusta ás Súas Maxestades de Oriente, este ano decidimos introducir un elemento novo: as danzas de Reis, que é un elemento moi característico da nosa cultura nestas datas. Así que o leit motiv da Cabalgata de 2026 serán a Boa Estrela e a Danza”, sinalou a edila, que avanzou datos da comitiva, da que van formar parte ao redor dunhas 300 persoas.

Sobre a participación da rapazada, a concelleira lembrou que xa rematou o prazo de inscrición e xa se fixeron os sorteos para acompañar as Súas Maxestades, “así que xa lles trasladamos aos Reis que van estar moi ben acompañados por nenos e nenas compostelás durante todo o percorrido”.

A comitiva estará composta por cinco carrozas: a primeira será a da Boa Estrela que irá abrindo a Cabalgata, seguida da da Carteira Real e despois xa as tres carrozas dos Reis. “Sobre as tres carrozas dos Reis xa mandamos recado ao taller onde lles están dando os últimos retoques para que procuren algún tipo de cuberta para que, en caso de choiva, os Reis non se mollen tanto como o ano pasado”, apuntou Lueiro.

Acompañando as cinco carrozas irá todo un desfile de música, cor, acrobacias e, “por suposto, danza”. Participarán un total de 60 artistas profesionais, 36 heraldos, 12 paxes, integrantes da Asociación Ruliña, alumnas da Escola de Danza Mandala, de Ultreia, alén do voluntariado que vai nas comitivas e nas carrozas repartindo caramelos. A concelleira lembrou que serán todos sen glute e, como novidade, brandos. Así mesmo, indicou que por cuestións de seguridade só se repartirán caramelos dende as carrozas.

Percorrido

Pilar Lueiro anunciou que este ano os Reis van chegar a Compostela en avión. “Chegarán a media mañá ao aeroporto Rosalía de Castro e recibirán alí a rapazada – e non tan rapazada, que lle toque viaxar ese día e ata van recoller as últimas cartas das máis rezagadas”. Estarán no espazo cultural do Rosalía de Castro ás 12h.

Despois van xantar e “descansar algo nun lugar secreto, diso non nos deron pista ningunha coma sempre, para aparecer na praza da Mercé ao redor das 17:15, e ás 17:30h xa sairán desfilando con toda a comitiva cara ao Obradoiro.”

Percorrerán toda a avenida de Ferrol, cruzarán Romero Donallo para continuar Frei Rosendo Salvado ata a praza Roxa, seguirán por República do Salvador, despois pola Rúa do Hórreo e rodearán a praza de Galicia para entrar na zona vella pola Porta Faxeira, seguirán pola rúa do Vilar e entrarán no Obradoiro onde está previsto que sexan recibidos pola alcaldesa e por membros da Corporación municipal ao redor das 19h, para despois pasar ao Salón Vermello de Raxoi para a tradicional recepción.

A concelleira de Festas lembrou que haberá un tramo sen son (Avenida de Ferrol entre os cruces con José Ángel Valente e Doutor Maceira) e un tramo adaptado para cadeiras de rodas: no aparcamento de motos que hai ao inicio da Avenida de Ferrol (á altura do número 3), preto do cruce con Romero Donallo.

“E para facer máis levadeira a espera para acceder ao Salón Vermello do pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro contaremos cun concerto de A Gramola Gominola e coa tradicional chocolatada”, apuntou.

Caixas de correo

Pilar Lueiro tamén recordou que durante estas semanas “temos instaladas caixas de correo para que os nenos e as nenas de Compostela – de todas as idades-, poidan deixarlle as súas cartas aos Reis. Temos unha aquí na entrada do Pazo de Raxoi, na Ludoteca María Miramontes, nos CEIP Monte dos Postes e Quiroga Palacios e nos CSC das Fontiñas, Conxo, Castiñeiriño, Ensanche, Vite, Romaño, Santa Marta, A Gracia e Marrozos”.

Publicacións Relacionadas