HomeA CoruñaAs usuarias e usuarios da Fusquenlla avanzan cara a un modelo de...

As usuarias e usuarios da Fusquenlla avanzan cara a un modelo de proxecto autoxestionado

- Anuncio -spot_img

A Fusquenlla celebrou este sábado na Casa da Cultura de San Sadurniño o denominado Encontro de usuarios e usuarias 2025, ao que estaban convocadas todas aquelas persoas que son usuarias principais do centro de transformación. A xuntanza tivo como finalidade seguir estreitando os vínculos entre as persoas que usan habitualmente as instalacións, pero tamén definir unha dinámica de traballo máis fluída que favoreza a implantación dun modelo de funcionamento autoxestionado, que previsiblemente se fará realidade por medio dunha asociación de usuarios e usuarias. Ademais, durante o encontro tamén se entregaron os diplomas do curso de actualización para o emprego da nova maquinaria de tratamento térmico instalada no centro.

Alén da regulamentación de funcionamento interno e da ordenanza sobre os prezos de uso das instalacións, o Centro de Transformación Agroalimentaria situado en Moeche basea o seu día a día no traballo de coordinación que desenvolven de maneira desinteresada un grupo de persoas usuarias -denominado Grupo de Traballo-, dividido á súa vez en cinco áreas con cometidos específicos, como son a administración, o mantemento, a área hixiénico-sanitaria, a área de comunicación e a área económica.

Este grupo de traballo estivo centrado nos últimos meses na posta en marcha dun modelo de autoxestión onde está sendo clave a coordinación das distintas áreas, por medio dunha comunicación fluída entre elas e cos concellos promotores do proxecto.

Neste sentido, durante a xuntanza comentouse a importancia dos investimentos efectuados até o momento en equipamento -arredor de 400.000 euros con apoio da Deputación da Coruña e de fondos Europeos- e o labor de dinamización que se está levando a cabo por medio dos cursos formativos, da asistencia a eventos relacionados coa produción agroalimentaria ou coa participación en foros sobre a soberanía alimentaria. Espazos onde os produtos e as boas prácticas da Fusquenlla están sendo exemplo e inspiración para outros proxectos. De feito, hai tan só unha semana a o proxecto participou en Quiroga nunha mesa redonda sobre innovación para transformar o territorio (dentro do programa Conecta Lugo, promovido pola Xunta e a Confederación de Empresarios de Lugo), e onte mesmo presentou os seus produtos no Fórum Gastronómico da Coruña.

O encontro que se celebrou o sábado en San Sadurniño tamén tratou cuestións que aínda se deben mellorar para que A Fusquenlla sexa máis eficiente. Falouse, por exemplo, da necesidade de afinar o sistema de reservas do espazo ou de aproveitar as posibilidades das ferramentas dixitais para favorecer a comunicación e o intercambio de coñecementos sobre procesos e elaboracións.

Porén, quizais a parte máis importante foi a que abordou a creación dunha asociación que poida asumir formalmente a levanza do centro, sempre en colaboración cos seis municipios implicados e, principalmente, co Concello de Moeche como titular das instalacións. A proposta, para a que xa hai persoas voluntarias, comezará a tomar forma co deseño dos estatutos e outros trámites necesarios para a súa constitución.

Entrega de certificados e exposición de produto
Ao remate do Encontro de persoas usuarias da Fusquenlla 2025 entregáronse os certificados de participación no curso de actualización técnica impartido recentemente nas instalacións. O curso estivo enfocado, principalmente, nos tratamentos térmicos a altas temperaturas e no manexo da nova máquina autoclave coa que conta a cociña. Todas as usuarias e usuarios principais que se formasen nos cursos ofrecidos ata 2024 deberán posuír esta homologación interna para poder continuar utilizando o centro, mentres que as persoas que acaban de iniciar o curso 2025 -empezou o venres e rematará en maio- xa teñen incluída esa capacitación.

Á entrega dos diplomas acreditativos asistiron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Política lingüística de Narón, María Lorenzo Tojeiro; e o titular de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manuel Varela Mecías. Ao remate do acto houbo unha pequena degustación de produtos elaborados na Fusquenlla.

A elaboración e difusión desta información conta con financiamento da Deputación da Coruña.

Publicacións Relacionadas