HomeA CoruñaAsinado o convenio entre o Concello de Carballo e a Fundación Luis...

Asinado o convenio entre o Concello de Carballo e a Fundación Luis Calvo Sanz para o patrocinio do concerto de De Ninghures

- Anuncio -spot_img

O xoves 24 de xullo, véspera do día grande de Galicia, estará en Carballo unha das bandas referentes da rica escena do folk galego actual: De Ninghures. O concerto será patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, que ano tras ano vén colaborando co Concello de Carballo na promoción da cultura galega.

Este xoves, nun acto celebrado na Alcaldía, Evencio Ferrero e Luciano Calvo, presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, asinaron o convenio de colaboración e aproveitaron para convidar á veciñanza a gozar da música en directo de De Ninghures, que vén de recibir o Premio Martín Códax 2025 na categoría de folk.

A concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, presente tamén no acto, explicou que De Ninghures traerá ao Verán Cultural o seu segundo traballo, Feira, que supón unha evolución sonora, con máis experimentación electrónica pero sen perder a esencia nin a identidade. Así mesmo, puxo en valor que un dos integrantes da banda, Hadrián García, sexa de Carballo, un exemplo máis da creatividade da nosa mocidade.

De Ninghures tocará o xoves 24, a partir das 22.30 horas, na Praza do Concello. Dado que este ano os sons tradicionais están presentes en toda a programación cultural do Concello de Carballo, con este grupo achegamos a súa actualización das coplas e melodías populares que fusionan con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. O acceso será libre e de balde.

Publicacións Relacionadas