Home A Coruña ASOCIM recibe o Meninas 2022:"Ás profesionais dos CIM que traballan día a...

ASOCIM recibe o Meninas 2022:”Ás profesionais dos CIM que traballan día a día para mellorar a situación das vítimas e de todas aquelas mulleress vulnerables”

- Anuncio -

· ASOCIM reivindica a implicación das traballadoras dos CIM na erradicación da violencia de xénero desde a formación especializada en igualdade

A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM) vén de recoller un dos premios Meninas 2022, concedidos pola Delegación do Goberno en Galicia. Un galardón co que se recoñece o traballo das e dos profesionais dos Centros de Información á Muller (CIM) na loita activa pola igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes e o labor que desenvolve esta asociación na reivindicación e defensa dos centros e do seu persoal contribuíndo “a que a cidadanía coñeza o seu traballo e aumente a súa sensibilidade cara as cuestións de igualdade e de prevención da violencia machista”.

“Ás profesionais dos CIM que traballan de forma calada e discreta día a día para mellorar a situación das vítimas e de todas aquelas mulleres vulnerables; por todas as compañeiras que creron necesaria a fundación dunha asociación profesional para defender os nosos dereitos, que redundan no beneficio das mulleres; a todas as vítimas porque para elas traballamos, é a nosa razón de ser”, dicía Montserrat González, presidenta de ASOCIM, encargada de recoller o galardón no acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos. Un premio que para esta entidade supón un impulso “para continuar pelexando na primeira liña polo que é xusto: a igualdade entre homes e mulleres” e “buscar un mellor presente e futuro para o noso colectivo”.

Esta asociación profesional, nada a finais do 2015, representa a máis de medio centenar de Centros de Información á Muller galegos e traballa desde a súa fundación por visibilizar e poñer en valor o traballo das/os profesionais dos CIM, incidindo na necesidade de reforzar os centros con recursos humanos e materiais.

Aproveitando este acto e a vésperas do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ASOCIM reivindica a implicación e traballo das profesionais dos CIM galegos na erradicación da violencia de xénero desde a formación especializada en igualdade.

No que levamos de ano, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero no noso país ascende a 38, a 1.168 desde 2003, e o dos menores a 2, 48 desde o ano 2013, cando se comezaron a contabilizar. Os CIM son centros de referencia para a atención especializada das mulleres vítimas da violencia machista, garantir a calidade do servizo con suficientes medios persoais e materiais é fundamental.

A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller no seu manifesto deste 25N tamén pon o foco no aumento das violencias machistas entre os máis novos. A hipersexualización do corpo feminino, a cultura da violación, a pornografía ou o mito do amor romántico sumados á utilización das redes sociais e de internet para a súa divulgación contribúe a crear relacións de violencia a idades cada vez máis temperás. O último informe sobre a violencia de xénero e doméstica do Instituto Nacional de Estatística confírmanos que é entre as mulleres menores de 18 anos onde se deu o maior aumento no número de vítimas. “Educar na igualdade segue sendo na actualidade a mellor e máis eficaz ferramenta para a súa prevención e erradicación”, asegura María Jesús Lourido, vicepresidenta de ASOCIM, ao tempo que pide reflexionar sobre esta problemática e aplicarse no deseño de estratexias efectivas para afrontala.

A asociación reclama tamén neste 25N unha actuación conxunta e coordinada fronte á violencia de xénero. “Nun momento de crise e incerteza como o actual hai que loitar por manter os avances conseguidos en igualdade. A defensa dos dereitos das vítimas non se pode permitir falta de técnica xurídica nas reformas lexislativas nestas materias e non contar cos operadores xurídicos e os profesionais dos ámbitos que se pretenden regular. Situacións como as producidas por mor da entrada en vigor da Lei estatal do ‘si é si’, advertidas na fase de elaboración da lei e non atendidas son preocupantes”, apuntan desde a entidade. No ámbito xurídico galego, ASOCIM lamenta a falta de comunicación a esta asociación do proxecto da Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia nun asunto que afecta de cheo aos Centros de Información á Muller e para a cal non se contou coa opinión experta e necesaria desta asociación. Unha lei como esta, que vincula a todos os ámbitos da igualdade na comunidade, debe abordar con detemento aos CIM como centros de referencia de ámbito público que son nesta materia.

A ASOCIACIÓN

A Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller de Galicia (ASOCIM) ten como obxectivo a defensa e representación dos intereses das súas asociadas e asociados, promover o recoñecemento social das/os profesionais dos Centros de Información á Muller e a consolidación dos postos de traballo dentro da Administración Local, velando pola calidade do servizo prestado e porque a súa área de intervención permaneza vinculada ao ámbito local. Así mesmo, ASOCIM loita contra a discriminación e pola promoción activa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes como garantía dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

Relacionadas

As historias das monxas de Santa Clara, protagonistas da quinta charla do ciclo de...

0
O coordinador do estudo histórico sobre a orde en Pontevedra, quen sacou á luz a rebelión das clarisas fronte aos franciscanos no XVIII, expón...

A Deputación lanza “Cambiemos o Conto” un concurso de relatos dirixido ao alumnado de...

0
O certame, enmarcado no Manifesto de Soutomaior, premiará aos mellores relatos da ESO, Bacharelato, FP Básica ou Grao Medio que partan da denuncia do...

A Biblioteca Municipal de Nigrán estreará este luns o horario ampliado da sala de...

0
Será a primeira da comarca, xunto a Vigo, en contar cun horario nocturno en datas de especial necesidade para o alumnado, pechando ás portas...

Tomiño, distinguido con catro flores de honra no certame ‘Vilas en flor’

0
É, xunto a Chantada e Allariz, un dos únicos concellos en obter o maior distintivo As intervencións nas rotondas ao abeiro do Cultivando Paisaxes e...

Dura derrota do Sárdoma ante o CE Europa

0
O conxunto vigués encaixou catro goles do seu rival, que non deu opcións ás de David Ferreiro O Sárdoma de Vigo encaixou unha dura derrota...

Greca gaña por partida dobre a VII edición de Boucatise, o Festival Bocata Gourmet...

0
A proposta ‘Chapata de cerdo ao estilo Shin Chan’ fíxose co premio “Mellor Bocata Boucatise 2022” e tamén co galardón “Mellor Bocata Boucatise-Maridaxe Estrella...

Publicacións Relacionadas