A veciñanza de Neda reciclou durante o pasado ano nada menos que 3.000 quilos de aceite usado. A cifra recolleita na rede de colectores supón un incremento respecto ao exercicio inmediatamente interior do 28,3 %. Desta forma, constátase que as boas prácticas respecto á retirada deste residuo gañan pouco a pouco terreo no municipio.
Por encargo do Concello, o xestor autorizado Green Ambiental SL xestionou ao logo dos doce meses do 2025 esas tres toneladas de aceite vexetal usado procedente dos fogares da localidade (sobrante de asados, fritos, alimentos enlatados) depositado polos veciños e veciñas nos trece colectores que hai repartidos polo territorio.
Os contedores máis utilizados foron, unha vez mais, os situados fronte ao Eroski (555 kg) e no adro da Igrexa de Santa María, que pasou de 320 a 510 kg, seguidos polo localizado xunto á praza da reitoral (400). Unha evolución positiva que se agradece e pon en valor dende a administración local.
Así, acabar co costume de botar polo vertedoiro o aceite de cociña que se usa no día a día, ademais de evitar problemas no alcantarillado, contribúe a remediar a contaminación de solo e da auga. Así, detallan dende Green Ambiental SL que o residuo tratado tería contaminado case 3,3 millóns de litros de auga. E engaden que, unha vez transformado en biocarburante, menos contaminante que os combustibles fósiles convencionais, xera un aforro de nove toneladas de emisións de dióxido de carbono.
Neda dispón na actualidade de colectores na contorna do local social de Viladonelle e da Igrexa de Anca, xunto á pista polideportiva do Roxal, na Mourela Baixa, na Muchiqueira, xunto á fonte de Forxá, na avenida de Xuvia, no adro de Santa María; na avenida de Alxeciras (inmediacións da Casa Consistorial e fronte ao Eroski), na avenida Xeneral Morgado; na avenida Médico Cebreiro, á altura do Puntal; e tamén na zona da Silva.



