A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, compareceu este mércores acompañada do promotor Vítor Belho, Felisa Segade do grupo Tres Pesos e do director de Agadic, Jacobo Sutil, para presentar a sétima edición do TradFest, que terá lugar o próximo domingo 27 de xullo. Baiuca e Tres Pesos serán os grupos encargados de poñerlle o ramo na Praza da Quintana a unha xornada que congrega música, artesanía e conversa. Este evento está promovido polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia e producido por aCentral Folque e Nordesía.
Precisamente, unha das novidades da programación é o acto de apertura no Museo do Pobo Galego baixo o lema ‘Conversa con Antón Santamarina’ e conducido pola poeta Alba Cid. Nesta edición terá un especial protagonismo a cultura oral representada polas cantareiras, como xa tiveron en outras ocasións e neste ano coincidindo co recoñecemento á poesía popular oral da Real Academia Galega (RAG). Durante toda a xornada se sucederán 12 concertos e ruadas e poderá visitarse a feira de artesanía en San Domingos de Bonaval, Mazarelos e A Quintana.
Os espectáculos musicais comezan co concerto da Banda de Música de Santiago, baixo a direcció de Casiao Mouriño e, nesta ocasión, co gaiteiro Pedro Lamas e a cantareira e pandeireteira Merchi Rodríguez ás 12.00 horas. Ao longo do día actuará o grupo Chruinne, o dúo Cocaha e Faltriqueira entre as 12.30 e as 20.30 horas antes do concerto de Tres Pesos ás 21.30 e Baiuca ás 22.30 horas na Praza da Quintana.
A concelleira de Festas animou a toda a veciñanza a seguir participando nas actividades do Apóstolo como ata o de agora e, especialmente, o domingo, un chamamento no que coincidiu o director da Agadic, entidade que apoia o TradFest. Felisa Segade animou a asistir á Quintana e avanzou que Tres Pesos o seu novo traballo ‘Cantares e contares’ e comprometeu que “haberá sorpresas” no espectáculo. Vítor Belho destacou as novidades desta edición como é a actividade de ‘Conversa con …’ e sinalou a posta en valor da cultura popular e de raíz con esta xornada que se suma ao Día do Traxe e á Xornada do Folclore Galego.
Avaliación do desenvolvemento das festas
Por outro lado, a concelleira de Festas aproveitou a comparecencia para destacar o desenvolvemento das festas que comezaron desafiando a chuvia. Neste sentido, agradeceu o esforzo de todos os grupos das Xornadas de Folclore Galego; destacou o éxito da xa consolidada Festa Pícara no parque Eugenio Granell onde a cativada e a non tan cativada gozaron das actividades e dos concertos; e destacou a actuación do grammy Youssou N’Dour, “que puxo a bailar unha Quintana a rebentar de xente, case dúas horas de concerto espectacular”.
Pilar Lueiro tamén agradeceu o traballo que desenvolve o persoal do Punto Lila, tanto na ubicación fixa como as parellas que se desplazan durante as actividades, nomeadamente concertos.

