O BNG defende que os 421.000 euros da Deputación deberían servir para mellorar servizos no rural e non para cubrir deficiencias do PP.
Pérez Barral reivindica o seu modelo de xestión, que permitiu investir 5,5 millóns de euros en melloras nas parroquias en servizos básicos
O portavoz do BNG de Ribeira, Luís Pérez Barral, denunciou no pleno municipal celebrado onte que Partido Popular e Partido Barbanza Independente impuxeron cos seus votos destinar os 421.000 euros da Deputación da Coruña a gasto corrente, en lugar de investir en melloras e proxectos que beneficien á veciñanza, especialmente nas parroquias.
Barral explicou que estes fondos provinciais poderían empregarse en investimentos que mellorasen os servizos públicos como saneamento, dotación de auga potable e pavimentacións, mais o PP optou por cubrir gastos ordinarios derivados dos contratos de limpeza e da iluminación pública. “Sería positivo se fosen reforzar a prestación destes servizos mais cómpre aclarar que estes cartos non van permitir mellorar nin a limpeza nin a iluminación. Non se van renovar contedores nin a limpeza e tampouco se van ampliar puntos de luz. Estes cartos simplemente servirán para tapar buratos e pagar erros de xestión que veñen de contratos asinados polo PP hai máis de dez anos”, subliñou o portavoz e alcalde nacionalista.
O BNG considera que a decisión do goberno local é política e non técnica, e reflicte o cambio no modelo de xestión xa que se pasa dun goberno que escoitaba á veciñanza e investía os recursos nas demandas sociais fronte a un goberno que destina todo a gasto corrente de maneira unilateral.
Modelo centrado nas persoas e nos servizos básicos
Durante a súa intervención, Pérez Barral lembrou que baixo o seu goberno Ribeira cambiou o modelo de grandes obras por un modelo de investimento nas parroquias, respondendo ás demandas da veciñanza. “En só dous anos e medio fomos quen de investir 5,5 millóns de euros en actuacións de abastecemento, saneamento, pavimentacións e mellora de infraestruturas públicas nas parroquias. E deixamos, antes de que nos botaran do goberno, proxectos feitos e os recursos para realizar actuacións por valor de máis de 1,1 millón de euros”, destacou Barral.
Entre as obras impulsadas figuran a pavimentación da rúa Castelao con 100.000€; a pavimentación da Avenida Miguel Rodríguez Bautista (79.323€); a ampliación do saneamento en Cristal, en Olveira (43.060€); a renovación da traída de auga nos Mosqueiros (63.935); pavimentación e renovación da rede de abastecemento en Rúa Agriña, en Palmeira (115.974); a pavimentación na Avenida Buenos Aires, en Corrubedo (92.914); a ampliación do saneamento nos Muíños, en Oleiros (84.500) así como a actuación de mellora do saneamento que se está facendo en Arribas, Artes valorada en 66.972 euros.
Ademais deixamos aprobados os proxectos e o financiamento para a renovación do abastecemento en Fafián (135.000€), a pavimentación da rúa Mariño de Rivera (34.700€), a pavimentación e saneamento na rúa Alcalde Fdez Bermúdez (79.000€), a rede de pluviais e pavimentación en Parte ao Río (64.700€), a renovación de servizos e pavimentación da rúa Lagarto (70.000€), o saneamento en Xenxides (57.000€) e a pavimentación do camiño á praia das Dunas (46.000€).
“Demostramos con feitos que se pode atender ás necesidades da veciñanza e mellorar os servizos sen abandonar as parroquias”, engadiu.
O BNG reafirmou o seu compromiso cun modelo de concello centrado nas persoas e onde exista un equilibrio entre o urbano e o rural e que poña os recursos públicos ao servizo das persoas. “Os cartos públicos son de todos e todas, e deben empregarse con sentido común e co obxectivo de mellorar a vida da xente. Iso é o que o BNG seguirá defendendo con firmeza e compromiso ao lado da veciñanza de Ribeira”, concluíu Pérez Barral.



