― As obras incluíron cambios de carpintarías, ampliación dun comedor e actuacións de eficiencia enerxética
― Estas actuacións enmárcanse na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que eleva a preto de 500M€ o investimento da Xunta en obras ao abeiro desta folla de ruta
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou tres centros educativos dous en Rianxo e un en Boiro no que se investiron case 174.000 euros. Concretamente, os CEP Xosé María Brea Segade e IES Félix Muriel de Rianxo e o CEIP Santa María do Castro de Boiro.
Neste sentido, a representante do Goberno autonómico destacou que estas intervencións se enmarcan “nos principios básicos do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inicia agora unha segunda fase que eleva a preto de 500M€ o investimento en obras de mellora en centros educativos do Goberno galego ao abeiro desta folla de ruta”, apuntou a delegada.
O investimento inicial para o período 2025-28 do plan é de máis de 267M€, que se suma aos 230M€ executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.
CEIP Santa María do Castro de Boiro
Belén do Campo visitou, esta mañá, o CEIP Santa María do Castro en Boiro no que se levou a cabo un investimento de case 50.000 euros para executar a ampliación dun pequeno comedor que xa tiña o centro, utilizando par iso a antiga casa do conserxe que estaba liberada e situada xusto á beira.
No comedor xa existente retiráronse os vellos mobles, fíxose unha nova encimera co seu mobiliario e instalouse falso teito acústico e novos equipos de iluminación led. Ademais, cegouse un oco que comunicaba coa biblioteca do centro incluíndo os acabados necesarios, mellorando a funcionalidade e habitabilidade de ambos os espazos.
A actuación tamén contemplou a modificación a instalación de calefacción, e déronse novos acabados e pinturas en paredes e instalouse un novo pavimento de tarima flotante. Así mesmo, dotouse ao espazo conxunto, para cumprir a normativa de evacuación, dunha saída adicional cara ao exterior, sectorizouse adecuadamente a sala de caldeiras do centro respecto ao comedor mantendo só o seu acceso exterior e eliminando o interior e modificouse o acceso a uns aseos existentes para comunicalos directamente desde o comedor.
A delegada subliñou que “estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións co fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e sostibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”.
IES Félix Muriel
A segunda visita foi ao IES Félix Muriel no que se levou a cabo o cambio parcial de carpintaría do edificio cun investimento de case 48.000 euros. A intervención contemplou o cambio da carpintaría de 14 ventás de dimensións 3,15 x 1,70 m con perfilería de aluminio con rotura de ponte térmica, vidro de dobre folla e persiana incorporada colocada ao exterior.
CEP Xosé María Brea Segade
A delegada incluíu no seu percorrido o CEP Xosé María Brea Segade no que se levaron a cabo tres actuacións distintas cun investimento de 76.000 euros.
A primeira delas foi a renovación da instalación eléctrica colocando algunhas luminarias novas e reformando os cadros e os mecanismos deteriorados. A segunda actuación consistiu na substitución da caldeira do centro mellorando a sala de caldeiras e finalmente levouse a cabo a renovación de varias pezas do alicatado do vestíbulo xusto diante da porta de entrada á biblioteca. Ademais do anterior aproveitouse para cambiar o falso teito dun dos baños, reparouse un pasamanos de madeira danado e instalouse a carpintería das dúas xanelas dunha aula en perfilería de aluminio con rotura de ponte térmica con persiana incorporada e vidro de dobre folla
Tal e como explicou Belén do Campo, o obxectivo da actuación foi “mellorar a eficiencia enerxética deste centro, o que vai redundar nun maior confort térmico para toda a comunidade educativa”.