– A delegada da Xunta explicou que a actuación realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) non competitivo, co obxectivo de apoiar ao concello na súa tarefa de erradicar vertedoiros incontrolados e garantir unha xestión responsable dos residuos
– A representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para animar aos taxistas a solicitar as axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos que contan cun investimento de 500.000 euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co alcalde de Porto de Son, Luis Oujo, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa preservación do medio ambiente e coa mellora da calidade de vida da cidadanía, durante unha visita ao Concello, onde se levou a cabo a presentación dun vehículo destinado á recollida e traslado de vertidos incontrolados ao punto limpo municipal.
A actuación realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) non competitivo, cun investimento da Xunta de 74.000 euros, o 100% do orzamento, co obxectivo de apoiar ao concello na súa tarefa de garantir unha xestión responsable dos residuos.
A delegada subliñou que “todos os residuos incontrolados constitúen unha agresión ao medio ambiente e á saúde pública, polo que é fundamental que as administracións continuemos colaborando para eliminar este tipo de puntos e fomentar o comportamento responsable da cidadanía”.
O Concello de Porto do Son vén desenvolvendo nos últimos anos diversas actuacións para preservar o seu entorno natural, como a recollida gratuíta de voluminosos e a retirada de residuos eléctricos e electrónicos (RAEE). A pesar da boa acollida destes servizos, persisten casos illados de vertedoiros ilegais, motivo polo que a adquisición deste novo vehículo permitirá reforzar a resposta municipal e actuar con maior rapidez e eficacia.
Cooperación institucional e investimento na comarca
Durante o acto, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a cooperación entre administracións como “peza clave para avanzar na protección do patrimonio natural galego”.
Na comarca do Barbanza, a contía destas axudas ascende a 520.000 euros, repartidas entre 10 concellos de A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo, Lousame, Mazaricos, Outes, Porto do Son, Muros e Carnota.
“Os concellos son as administracións que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades, e por iso desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”, destacou a delegada.
Compromiso coa conservación e o reequilibrio territorial
Na provincia da Coruña as dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental contaron, a non competitiva con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios e a competitiva con case 700.000 euros para 26 beneficiarios. En total, resultaron beneficiarios na Coruña 60 concellos e o Consorcio das Mariñas e a Mancomunidade de Concellos de Ferrol.
A representante da Xunta lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental 2025 distribúe en toda Galicia 9,2 millóns de euros nas súas modalidades competitiva e non competitiva, co propósito de redistribuír o canon eólico e reinvestilo na conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial.
“A través do FCA contribuímos á conservación da biodiversidade, á protección do medio natural e á recuperación sostible dos municipios galegos”, sinalou. Ademais, destacou que as dúas liñas de actuación —a non competitiva, dirixida aos concellos afectados por parques eólicos, e a competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais— permiten “impulsar proxectos útiles e duradeiros para mellorar a calidade ambiental e o benestar veciñal”.
A Xunta reafirma así o seu compromiso cun desenvolvemento sostible, solidario e respectuoso coa contorna, apoiando aos concellos galegos na preservación do seu medio ambiente.
Axudas taxis
A representante do Goberno autonómico aproveitou a visita para animar aos taxistas a solicitar as axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos que contan cun investimento de 500.000 euros na convocatoria para 2026.Realizou esta visita tras comprobar o novo vehículo adaptado adquirido por un taxista deste municipio.
Belén do Campo explicou que con esta orde o Goberno galego consolida unha liña de apoio dirixida ao sector do taxi e orientada a mellorar a súa modernización e a súa competitividade. Ao mesmo tempo, contribúe a garantir a mobilidade sostible e a favorecer un transporte público accesible.
As solicitudes poden presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal). O prazo rematará o 14 de outubro de 2026 ás 20,00 horas.
A delegada explicou que dos 500.000 euros, 290.000 euros van dirixidos á liña para vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), 68.000 para taxi de CERO emisións (vehículos 100% eléctricos e híbridos enchufables) e 142.000 euros para taxi ECO (vehículos que combinan dous e máis combustibles e por tanto algún tipo de hibridación). A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de CERO emisións de 4.000 euros e para taxi ECO de 1.000 euros.
A medida vai destinada ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes.
As persoas beneficiarias adquiren o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino á actividade do taxi ao menos cinco anos desde a súa adscrición á autorización. No caso dos Eurotaxis adquiridos en calquera momento e que xa estiveran adscritos a unha autorización, os cinco anos de compromiso son desde a data de presentación da solicitude.
Balance 2025
A delegada da Xunta subliñou que o ano pasado na comarca do Barbanza recibiron estas achegas ademais do vehículo adaptado de Porto do Son, outros tres taxistas, 2 de Ribeira e 1 taxista de Muros para a adquisición de vehículos Eco por un importe total de 13.000 euros. Na provincia da Coruña beneficiáronse 78 taxistas por un importe total de 114.000 euros. Na convocatoria de 2025 en Galicia concedéronse 180 axudas coa partida de 500.000 euros.
O sector do taxi conta con case 3.500 autorizacións en Galicia e presta un servizo esencial adaptado ás necesidades de mobilidade da poboación no ámbito urbano como no rural, onde se rexistra unha maior demanda debido á dispersión e avellentamento da poboación.



